Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “Os 12.000 militantes do PPdeLugo son tamén o Equipo Feijóo e traballaremos a reo para volver a obter unha nova maioría”

Lugo, 24 de agosto de 2016.- O Partido Popular de Lugo celebrou unha Xunta Directiva Provincial, presidida por Alberto Núñez Feijóo, que serviu de base para presentar a candidatura desta formación política pola nosa provincia nas vindeiras eleccións galegas do 25-S.

O acto tivo lugar na área recreativa Los Robles, da capital lucense, nunha xornada protagonizada por unha intensa chuvia que aproveitou o cabeza de lista, Francisco Conde, para asegurar que, con estas circunstancias, “Queda claro que Lugo móllase por Galicia, móllase con Feijóo”.

Acompañados das 19 homes e mulleres que compoñen a lista electoral, o acto contou coas intervencións da presidenta provincial Elena Candia, do cabeza de lista dos populares lucenses, Francisco Conde e do candidato á reelección e actual presidente da Xunta e do PPdeG.

TODOS FORMAMOS O EQUIPO FEIJÓO
Na súa intervención Elena Candia asegurou que os populares lucenses están orgullosos da xestión de Feijóo ao longo das últimas lexislaturas, pese a que “non foron tempos fáciles por mor da crise”. Pero precisamente “esta boa xestión e os seus resultados amplamente recoñecidos” dálles folgos aos populares para “saír á rúa no obxectivo de volver a obter a confianza dos nosos veciños e acadar unha nova maioría”.

Para iso, dixo Elena, “contamos co mellor equipo”, que non son só as 10 mulleres e 9 homes que integran a candidatura. En Lugo o Equipo Feijóo “son tamén todos e cada un dos alcaldes e concelleiros. Son os 12.000 afiliados e militantes, cuxo traballo, implicación e compromiso, fará posible obter un gran resultado na provincia”.

COMBINACIÓN DE EXPERIENCIA E RENOVACIÓN
Candia tamén perfilou os datos fundamentais da candidatura popular que, segundo destacou “combina con gran acerto experiencia e renovación”. Cunha idade media inferior aos 47 anos (a persoa máis nova ten 25 e a maior 65) e renovada nun 74% respecto aos anteriores comicios autonómicos

Ademais, dixo, “e porque o PP de Lugo sempre está ao carón dos sectores máis importantes da economía da provincia, na nosa lista contamos con persoas vinculadas principalmente aos sectores da educación e Sanidade pública; do mundo rural e do mar, con expertos e profesionais destes ámbitos”. Un listado que se completa con especialistas en dereito e empresa, técnicos gandeiros, forestais e veterinarios.

UNIDADE FRONTE A EGOÍSMO POLÍTICO
Pola súa banda o cabeza de lista dos populares lucenses, Francisco Conde puxo en valor a unidade do partido ante un proxecto e un liderado claro -o de Feijóo- e fronte a outras alternativas cuxa única preocupación, como se está demostrando co comportamento dos partidos da oposición, é pelexarse por un escano, “Nós, os populares, pelexámonos unidos por Galicia”

Conde defendeu o compromiso do Goberno da Xunta coa provincia de Lugo e fixo un repaso por distintas actuacións entre as que citou a instalación dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo ou o proxecto tecnolóxico de Rozas, o maior investimento tecnolóxico feito nunca nesta provincia. Fixo mención tamén aos investimentos nas estradas como o corredor Sarria-Monforte ou o acceso ao porto de Burela.

O número un da lista popular pola provincia de Lugo, rematou reclamando o apoio para que “o equipo que acompañou Galicia na saída da recesión poida seguir acompañándoa ata 2020”.

Exit mobile version