“O vestiario é moi san, é un grupo marabilloso; todos tiñamos ganas de volver xuntarnos, o clima e o ambiente é moi bo” explicaba o 11 laranxa que non renuncia a nada en 2016-17, centrándose na aptitude, o esforzo e o grupo. “Comezo unha nova pretempada coas mesmas ilusións que o ano que cheguei á Mariña, con ganas de facer as cousas ben e seguir enganchando a xente. Sei que imos dalo todo por conseguir os obxectivos e se podemos seguir facendo historia, como o ano pasado, estarei aínda máis feliz” recoñecía Chano, unha das referencias goleadoras dos laranxas na tempada pasada.
Con sete semanas aínda por diante para prepararse, o gaditano non saca da cabeza a impoñente recta inicial de liga, con Palma Futsal, Movistar, Santiago Futsal, Magna Gurpea e FC Barcelona Lassa nas cinco primeiras xornadas: “Temos un inicio de liga complicado, temos que facer as cousas ben; o comezo pode ser determinante porque che axuda a coller unha dinámica ou outra, así que temos que empezar forte e coller boas sensacións para que se reflicta na pista”.
Desde a directiva, Manuel Blanco e Antonio Couto destacaron “a serenidade e seguridade sobre a pista, ademais da garantía finalizadora” de Chano, aplaudindo a súa permanencia no proxecto continuísta do Pescados Rubén.