“Foise sumando un pouco todo, compromisos laborais, a grande esixencia física e psicolóxica do CD Burela FS, a miña lesión na Copa de España…” xustificaba así a ala-peche mariñá, afanada xa de pleno na docencia e en recuperarse da rotura de ligamentos no seu nocello dereito sufrido en Alcorcón.
“Quero agradecerlle ao club todos estes anos de alegrías e éxitos no fútbol sala, voume cumprindo o soño de gañar a liga, e tamén ás miñas compañeiras, por facerme na última tempada todo máis doado, para poder compaxinar as miñas obrigas no equipo co ensino. Tampouco podo esquecerme da afección, doulles as grazas polo seu inmenso apoio; espero que sigan así porque para o equipo é moi importante sentirse apoiado”, concluía así a ata agora 5 laranxa.
“Foi un orgullo poder compartir todos estes anos cunha xogadora da casa, unha referencia de traballo e perseveranza no fútbol sala feminino da Mariña. Claudia foi unha das grandes protagonistas da evolución e crecemento do equipo; tiña unha merecida recompensa pendente e conseguiuna este ano, por partida dobre, coa Supercopa e a liga” explicaba o presidente burelista, Manuel Blanco, desexándolle o mellor á focega no seu novo ciclo.