Site icon Crónica3.com A Mariña

Cortada ao tráfico este mércores 24 a avenida Arcadio Pardiñas de Burela durante o paso da Volta Ciclista a España

Burela, 23 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, pide a colaboración cidadá ante as restricións de tráfico que se levarán a cabo este mércores na avenida Arcadio Pardiñas polo paso da Volta Ciclista a España. Esa vía estará cortada á circulación desde as 12:00 horas e o paso dos corredores pola localidade está previsto para arredor das 13.45 horas.

O rexedor manifestou: “estamos aquí agardando con entusiasmo e interese a Volta Ciclista á España que vai percorrer o noso concello. Vai ser máis ou menos pola programación horaria a partir das doce e media”.

Llano subliñou que “desde as doce da mañá non se poderá circular por Arcadio Pardiñas. Vai estar sinalizado coa organización, Protección Civil e a Guardia Civil de Tráfico, pero queremos pedir a colaboración porque dá moito que facer o paso dunha volta ciclista por un concello, pero ao mesmo tempo tamén é unha satisfacción moi grande poder apreciala de forma directa”.

O rexedor burelés engadiu que “a partir aproximadamente das dúas menos cuarto chegarán os ciclistas ao noso concello. Van entrar pola praia de A Marosa, despois subida cara ao Monte Castelo e desde alí collen Arcadio Pardiñas ata o final desta avenida. A partir das doce imos procurar ter organizados os cortes en cada entrada e saída de Arcadio Pardiñas para que non circule ningún vehículo por esa rúa porque hai que ter todo preparado para que cando vaia chegando a caravana da Volta xa sobre as doce e cuarto”.

Alfredo Llano anima “a todo o mundo a que vexa a Volta aquí no noso concello xa que é todo un espectáculo ver a caravana e toda a xente que forma parte dunha volta ciclista. É unha boa oportunidade para dar a coñecer o noso concello e a comarca de A Mariña”.

O rexedor burelés pensa que “aquí é onde se ve realmente a nosa unión, onde hai que enfocalo todo como un ente único desde O Vicedo ata Ribadeo, e hai que dar a coñecer e que se descubra a través desta Volta a España toda a nosa comarca. Penso que é moi interesante e unha oportunidade moi boa para darnos a coñecer e gozar deste evento deportivo, que é moi atractivo”.

O alcalde burelés asegura que “o paso da Volta Ciclista ven culminar unha boa campaña en toda a comarca, un verán que eu penso que é para lembrar, de referencia e que tivo moita xente e moitas cousas que ofertamos desde todos os concellos. Por tanto é unha gran culminación deste verán que penso que foi fabuloso para a comarca de A Mariña”.

Exit mobile version