Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura licita o proxecto de restauración da cuberta da Catedral de Mondoñedo

Santiago, 19 de agosto de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a licitación da redacción do proxecto básico e de execución da restauración da cuberta da Basílica de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo. Este primeiro paso de inicio da restauración xeral da catedral conta cun orzamento de 54.837,20 euros e ten un prazo de execución de tres meses e medio.

A licitación da redacción do documento sae publicada este venres no Diario Oficial de Galicia e pode consultarse no seguinte enderezo http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160819/AnuncioG0164-110816-0003_es.html.

En concreto, a obra servirá para solucionar, fundamentalmente, as deficiencias da cuberta, así como para avanzar e mellorar no coñecemento da catedral, na súa diagnose e no deseño de accións futuras de conservación preventiva e accións de conservación, restauración e posta en valor.

Deste xeito, os traballos centraranse na substitución de lousas da cuberta e restauración da estrutura de madeira de soporte de parte delas; así como na revisión, reparación e substitución, se fose o caso, das instalacións de canlóns e baixantes para a evacuación de augas pluviais. Ademais, limparanse e trataranse as colonizacións biolóxicas e sinais ou pegadas que a humidade ocasionada polos fallos das cubertas puidera ter deixado na catedral. A maiores, tamén se revisará o estado de conservación da pintura mural da capela maior.

Exit mobile version