Campos Conde subliñou que “hoxe é un día de boa práctica das administracións: traballo conxunto para mellorar os servizos públicos aos veciños. Dende a Deputación de Lugo sempre houbo colaboración coas institucións e vaina seguir habendo, pois así o necesitan os cidadáns. Mostra disto son GES, os parques de bombeiros ou o arranxo das Pallozas do Piornedo; proxectos que financiamos na mesma medida ou cun maior esforzo económico que a propia administración galega, cando ten un orzamento infinitamente maior ao noso. Agardo que nun futuro próximo recibamos o mesmo trato para a nosa rede pública de residencias e centros de día, que tanto necesitan os nosos Concellos para atender ás necesidades dos veciños. A preocupación das administracións deben ser os cidadáns e a súa labor mellorar a súa calidade de vida”.
Mancomunar servizos
O titular provincial engadiu que “Riotorto e Meira tiñan un vehículo en malas condicións. Son Alcalde e sei o que significa ter problemas para poder ofrecer aos teus veciños a prestación dun servizo básico e imprescindible. Por iso, non dubidamos en colaborar na adquisición deste camión do lixo. Eu, ao igual que non creo na fusión de Concellos, si aposto por mancomunar distintas prestacións municipais para poder ofrecer servizos de calidade aos veciños e aforrar custos”.