Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia replícalle ao presidente da Deputación que a modificación dos estatutos de Suplusa conta cos informes favorables pertinentes

Lugo, 27 de agosto de 2016.- “Nin fan nin deixan facer”. Este é o resumo co que a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, se refire á situación que está atravesar a Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) logo das leas internas que veñen de protagonizar o presidente da Deputación e o seu ex compañeiro de partido Manolo Martínez.

“Están bloqueando que Suplusa ratifique os novos estatutos, mentres o PP é o único partido que defende de xeito inequívoco esa aprobación para que a Sociedade poda cumprir a súa función como prestadora de servizos sociais, o que traerá consigo favorecer a apertura das residencias na nosa provincia”, explica Candia.

“É fundamental a aprobación desta modificación estatutaria, pois sen ela, a Sociedade non podería concertar prazas posto que non sería unha entidade prestadora de servizos sociais”, engade a voceira.

Sen argumentos para convocar a Xunta Xeral
A popular replícalle ao presidente da Deputación e tamén de Suplusa, Darío Campos, que a modificación dos estatutos feita a petición do PP conta co informe favorable dos Servizos Xurídicos, “polo que xa non lles quedan máis argumentos irrisorios dos que botar man para convocar a reunión da Xunta Xeral do organismo”.

Elena Candia engade que terá que ser “o socialista” o que explique os motivos máis que evidentes para non querer adaptar os estatutos, amplamente mellorados polo PP, dándolle de novo as costas á provincia e ás necesidades dos veciños e veciñas.

“Está claro que o pasatempo preferido do presidente da Deputación son as leas internas, os rifirrafes entre compañeiros, como así están demostrando a nivel provincial e galego, deixando de lado o papel que teñen nas institucións nas que ocupan postos de goberno”. Recórdalles que, de seguir dilatando o proceso, está a incumprir os acordos do consello de administración, polo que lles pide “a todos os seus membros rigor e responsabilidade”.

A popular pídelle que deixen de enredar con datas e competencias e que convoquen “polo ben da provincia” a reunión da Sociedade que permita avanzar e rectificar os estatutos que xa foron aprobados polo consello de administración o pasado 28 de xullo. De non ser así, o PP insiste na posibilidade de emprender as accións xudiciais que correspondan.

Exit mobile version