Site icon Crónica3.com A Mariña

Falece unha nena en Mondoñedo ao envorcar o tractor que conducía o seu pai

Mondoñedo 14-8-16. Unha nena de 9 anos faleceu e outros catro menores resultaron feridos nun accidente de tractor rexistrado esta tarde en Mondoñedo. O propio pai da vítima conducía o tractor acompañado por cinco nenos, todos eles da mesma familia, no momento no que se produiu o accidente. O home saíu ileso.

A máquina saíuse da vía cando circulaba por un camiño do lugar e Valiñadares. O tractor caeu por un barranco e acabou envorcando nun prado. A nena falecida quedou atrapada debaixo. Os outros catro menores feridos foron trasladados a un hospital. Todos eles presentan feridas de carácter leve.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 17:00 horas desta tarde para dar a voz de alarma. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou decontado a Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que non chegou a intervir. Tamén foron enviadas varias ambulancias. Os profesionais do 112 tamén puxeron todos estes feitos en coñecemento dos Bombeiros de Barreiro, da Garda Civil, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico. O 112 Galicia puxo en situación de alerta ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), para apoiar aos familiares da vítima mortal. Os psicólogos estanse a desprazar arestora ao lugar do accidente.

Exit mobile version