A Mariña, 4 de agosto de 2016. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña cualifica as últimas visitas de membros do goberno galego, iniciadas por Feijoo e seguidas polo conselleiro de sanidade como “as visitas da vergoña.” “Que veñan sempre á nosa comarca en época electoral e visitar o Hospital da Costa causa indignación e estupor”, asegura a responsábel comarcal, Ana Ermida.
A formación nacionalista lamenta que “esas visitas sexan de cara á galería, que veñen lucirse coma se dun gran escaparate se tratara.” “Ao que tiña que vir esta xente é a traer proxectos, investimentos e solucións para unha comarca que ano tras ano vai esmorecendo a consecuencia das súas políticas desde a Xunta e desde o Estado”, aseguran.
“Podía ter vido Feijoo para falar co persoal de Alcoa e explicarlles por que desde a Xunta non abren a boca a respecto da situación da fábrica. Ou contarlles ás veciñas e veciños da comarca cantos anos de atrasos leva a autovía San Cibrao – Ferrol e por que segue acumulando retrasos. Podía tamén falar cos gandeiros e gandeiras que ven cada día como son esquilmados polas empresas que malpagan o seu traballo sen que o PP desde a Xunta faga absolutamente nada”, ou explicar as razóns da ausente entidade Portos de Galiza que nin está nin se lle espera nos peiraos de Celeiro e Burela, os de mais facturación de peixe fresco de Galiza”. manifesta Ana Ermida. “E o conselleiro de sanidade, se tivese vergoña, non pasaría por un hospital que hai máis de tres meses prometeron comezar a ampliar este verán e no que o único que fixeron foi poñer unhas vallas; mentres segue habendo os mesmos problemas de saturación e listas de espera.”
O BNG lamenta que os dirixentes do PP non traian nin unha soa solución aos grandes problemas desta comarca: infraestructuras, servizos públicos ou emprego. “Que sigan desaparecendo cada día postos de traballo que sitúan ás familias en situacións máis delicadas e que sigamos agardando a un plan de emprego ou medidas compensatorias despois da cantidade de empresas que mandaron a traballadoras e traballadores á rúa, sería suficiente para non atreverse a saír á rúa”, afirman desde a formación frontista.
“O goberno do Partido Popular na Xunta é un auténtico timo para as veciñas e veciños da Mariña que segue perdendo empresas, poboación e servizos; mentres os máximos responsables da desfeita veñen de paseo en época estival”, conclúen desde o BNG..