Site icon Crónica3.com A Mariña

Gala benéfica de Trípode e o Grupo Maseda para Cáritas especialmente emotiva

IMG_3857Alfoz 14-8-16. Unha gala especialmente sentimental por varios motivos. En primeiro lugar pola intención, posto que nos reunimos para xuntar algúns cartiños en beneficio de Cáritas e dos máis necesitados.

En segundo lugar porque connosco, con Trípode, estiveron uns músicos emblemáticos do noso Val, catro dos antigos compoñentes da mítica Orquestra Maseda de hai tantos anos: Eladio Bermúdez “Johny” á batería, Florencio Romero “O Majo” ó baixo, Ricardo Trigo “Richard” ós teclados e José Eiroá “Pepe o Tapiceiro” ós saxos. Dez cancións de sempre e unha máis de regalo para un público entusiasmado, que rematou a actuación en pé e aplaudindo con forza.

E logo veu o teatro, a representación da obra “A panxoliña máis fermosa”, onde tamén aflorou o sentimento, pois dedicámoslla ó noso querido compañeiro de escenarios Juan García e á súa esposa Mari, recentemente falecida; e, ademais, a representación supuxo o regreso ós escenarios de Susi Paz, Mónica Díaz, Santiago Quirós e Leni Níñez e o debut connosco das irmás Raquel e Sandra Amieiro. Sudamos moito, abofé que si, pero rematamos coa satisfacción de ver o Salón de Actos ateigado de xente e conseguir unha recadación de preto de 600 euros para axudar ós que o necesiten. Emoción, moita emoción, e Trípode de novo sobre o escenario, esta vez na nosa terra, en Alfoz.

Exit mobile version