Site icon Crónica3.com A Mariña

Informe dramatico encol de A Mariña

Nos pobos de A Mariña de Lugo a crise político-económica vívese de “certo xeito”. Facemos como si non existise. Actuamos coma se non houbese parados, afectados polas preferentes, desafiuzados, dependentes con escasa ou ningunha axuda, centros educativos e hospitai noqueados polos recortes, clientelismo político, vergonzosa manipulación informativa, indecencia gobernamental, favoritismo cara a quen levan o carnet do partido na boca (agora é o que toca), fraude política e económico, alcaldes ou alcaldesas sumisos e vendidos ao líder de turno, mozos sen futuro, xente que pasa fame. Por iso na Maeiña as folgas apenas se secundan, as manifestacións convócanse en contadas localidades e peor aínda, unha exigua minoría fai públicos os seus posicionamientos ante os problemas locais, autonómicos ou nacionais. Como fillos de paisaxe, de cantil replicado a si mesmo a cada paso, de campos que mimetizan o diferente no uniforme, nin vemos nin queremos que nos vexan. Implantados nunha inmensidade de eucaliptos que suscitan máis que serenidade, quietud, poñerse en pé e iniciar a marcha supón quedar ao descuberto e iso sempre é perigoso. Hai unha liña apenas perceptible entre a precaución e a cobardía e a inmensa maioría somos cofrades da segunda.

Nunha sociedade tradicionalmente católica vívese no temor ao Señor do ceo que pode arruinar caprichosamente a colleita. Xeración tras xeración medramos con ese medo como primeiro prato e a resignación de sobremesa, facendo do silencio ante o poder un trazo distintivo da nosa identidade colectiva, un comportamento mediante o que pretendemos facernos invisibles, infantilismo imposible propio dunha sociedade inmatura, porque… os silencios falan. Aínda que fagamos como que non, cheiramos a crise nas nosas corredoiras e nos nosos corazóns pois moitos somos aos que nos trabou.
Como a remoen as desorientadas autoridades locais e o seu club de fans, en liñas coas guías de actuación dos seus partidos, responsables da situación actual e que apenas teñen outros recursos que utilizar a estratexia escapista de xerar artificiosos momentos de felicidade, recuperando xigantes e cabezudos , “repoñendo” en valor chamadas festas historicas, enxebrezas, festivais, raíñas de festas – raíñas de que?-, reliquias todas elas dun pasado que a memoria engañosa disfraza de idílica placidez inexistente coma se os nosos fillos e netos tivesen que conformarse con vivir o que nós no seu momento vivimos, ou incitando ao consumismo do pobre, pero consumismo “semana do viño, xornadas de tapas”- mostrando a súa ignorancia achega do papel fundamental que o mesmo ten na crise. Tarefa inútil. O mal está aí, na nosa concepción do mundo. A resignación non basta; o temor angustia; a insolidaridad empobrece; o mimetismo cultural aliena; o escapismo festivo-cultural de baixa intensidade ao que asistimos unha e outra vez é flor dun día; o individualismo sen concesións crea amos e escravos. ¡Basta! ¡Outro mundo é posible! O neoliberalismo económico, executado sen contemplacións pola dereita na Mariña e o resto de Galicia, trátanos como mercancía da que aproveitarse e quedouse sen argumentos humanitarios. A maioría de nós somos sensibles á dor, alegrías e necesidades dos outros e gozamos cando compartimos e axudámonos. Soamente desde a forza do común, da axuda mutua poden crearse estruturas que fagan posible.
Otero Regal

Exit mobile version