Site icon Crónica3.com A Mariña

La Nueve, ou como repensar a nosa Historia

26 de agosto de 1944. Charles De Gaulle desfila vitorioso polas rúas de París ao ritmo sincopado da marsellesa, o exército aliado remataba de liberar París da ocupación nazi e as bandeiras tricores ondeaban polas rúas. O goberno títere dos alemáns nomeado como a República de Vichy xa era unha rémora.

Despois da toma do poder por parte do xeneral Franco moitos anarquistas e republicanos exiliáronse nas colonias francesas do norte de África, sendo chamados por De Gaulle para liberar Francia; os soldados foron enrolados na 2ª División Blindada comandada polo tamén xeneral Philipp Leclerc. Unha vez aló conformarían a Novena Compañía Blindada, tamén coñecida coloquialmente baixo o alcume de “La Nueve.”

Armados con carros de combate que levaban os nomes, entre outros, de “D. Quichotte”, “Cap Serrat”, “Madrid”, “Guadalajara”, “Teruel”, “Guernica” ou “España Cañí”, a Novena Compañía foi avanzando de xeito progresivo durante dous meses de batalla ata París. Unha vez aló, o 20 de agosto, a resistencia parisina érguese contra os nazis coa coñecida vitoria final.

Os ires e devires da Nove non finaron en Francia e as súas andanzas remontáronse a outros puntos do vello continente participando en varias batallas no norte de África e chegando a Gran Bretaña para conformar parte do continxente que tomaría Normandía.

O pasado 5 de xuño do ano 2015 o rei Felipe VI e a súa consorte asistiron xunto á alcaldesa de París ao acto homenaxe á Nove, a compañía de Raymond Dronne, composta case na súa totalidade por españois fixando unha placa cuia literalidade rezaba Xardín dos combatentes da Nove, liberadores do Concello de París o 24 de agosto de 1945.”

O referido acto institucional colisiona radicalmente coa conmemoración do día da hispanidade no ano 2004 no que o, por aquel entón ministro de defensa, José Bono concitou nun mesmo acto a un integrante da División Azul ao lado dun soldado republicano da División Leclerc.

Como esta é unha columna de opinión e, por suposto, a memoria é selectiva e a historia unha sorte de sofismo permanente que é interpretada obedecendo sempre ó interese de quen a narra, só quero fundar a miña síntese nalgunha opinión allea; con data 3 de febreiro de 2014 o relator especial para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e garantías de non repetición da ONU, Pablo De Greiff, emitiu un informe de vinte follas a tal fin. O seu veredicto era meridiano: “non se estableceu nunca unha política de estado en materia de verdade, non existe información oficial, nin mecanismos de esclarecemento da verdade. O modelo vixente de exhumacións privadas delega a responsabilidade nas vítimas e asociacións, alimenta a indiferenza das institucións estatais.” Do mesmo xeito De Greiff facía unha dura crítica ás interpretacións restritivas da Lei de Amnistía que negan o acceso á xustiza e impiden calquera tipo de investigación.

Pregutarase o lector que relación existe entre todos estos fitos, sendo a miña conclusión que o primeira asignatura pasaría por revisar en perspectiva as mentiras que nos contamos, aplicar a lei en consecuencia e, finalmente, pode que o noso xefe de estado presida un acto conmemorativo no seu país.

A pista a seguir con respecto á nosa historia está marcada pola pauta de Hemingway e Orwell; entre toda a barbarie da guerra seguro houbo algún resquicio de humanidade.

Exit mobile version