Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra acusa a Rosa Quintana de usar o Consello Galego de Pesca para facer campaña electoral

Santiago, 26 agosto 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusou este venres á conselleira do Mar, Rosa Quintana, de usar un organismo como é o Consello Galego de Pesca para “facer campaña electoral”. Senra reacciona así despois de coñecerse que este xoves tivo lugar unha reunión en Santiago de Compostela do citado ente, á que foi convidado o canario Gabriel Mato, coordinador do grupo popular na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

“Non nos parece mal que o señor Gabriel Mato, en calidade de ponente, veña a Galiza e coñeza de primeira man as propostas do Consello Galego de Pesca ante esta proposta da Comisión Europea de Regulamento de Medidas Técnicas para a conservación de recursos pesqueiros e protección de ecosistemas mariños que se está a debater no Parlamento Europeo e que é un texto que vai ter unha enorme importancia para as mariñeiras e mariñeiros galegos. O que si que nos parece mal é o tufo electoralista que ten esta visita”, explicou Lídia Senra. “A conselleira do Mar debe saber que o Sr. Mato é un deputado máis, que neste caso é o ponente na Comisión de Pesca para este documento, pero que que as propostas do Consello Galego de Pesca se inclúan neste informe non depende del, depende en primeira instancia do que decida en votación a Comisión de Pesca e en segunda instancia de que o pleno do Parlamento Europeo o aprobe”, engadiu.

A eurodeputada de AGEe lembrou que na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo ademais dela como galega están integrados os eurodeputados José Blanco e Francisco Millán Mon, polo que ao seu ver, se este acto non tivera tintes electorais, o “normal” sería que a conselleira tentara que os eurodeputados e a eurodeputada galega foran tamén convidados a este pleno do Consello Galego de Pesca a escoitar as propostas que este organismo quere que se inclúan no texto que se vai debater e votar primeiro na Comisión de Pesca e logo no Pleno do Parlamento Europeo e non só a Gabriel Mato, que é o coordinador do grupo popular.

“Estase usando o Consello Galego de Pesca para facer política partidaria en plena época de precampaña das eleccións galegas do 25 de setembro”, denunciou Lídia Senra. “E neste caso, a actitude partidista da conselleira é moi grave, porque estamos ante unha situación de codecisión (a Comisión Europea non pode aprobar este Regulamento novo sen o acordo do Parlamento Europeo) e se a Conselleira actuara en defensa dos intereses do conxunto do sector galego sería a primeira interesada en traballar coa eurodeputada e cos dous eurodeputados galegos para buscar esa posición común”, denunciou Lídia Senra.

Exit mobile version