Site icon Crónica3.com A Mariña

Luís Villares: “En Marea ofrece un proxecto vivo, solvente e ilusionante fronte á situación de desgoberno á que nos someteu un Feijóo canso que ten que ir cun banco porque xa non se ten en pé”

Viveiro, 23 de agosto de 2016.- O candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, participou este martes nun encontro aberto en Viveiro no que presentou o proxecto de En Marea, “un proxecto vivo, solvente, con ganas de facer cousas e ilusionante fronte un Feijóo canso, que quería marchar de Galicia pero non lle deixaron e que ten que andar cun banco por todo o país porque xa non se ten en pé”.

Neste acto Luís Villares sinalou as prioridades de En Marea para comarca da Mariña lucense que pasan por reivindicar os dereitos dos traballadores e traballadoras que o están a pasar mal como “á xente de Alcoa que está nunha situación de absoluta incerteza pero tamén reclamar os dereitos da xente que traballa nas conserveiras, no porto, no sector do mar en xeral”.

Así mesmo, o candidato á presidencia da Xunta destacou a necesidade de dotar á comarca dun sistema de infraestruturas que permita a viabilidade económica da Mariña, un sistema de transportes que permita revitalizar o tren de proximidade. “Necesitamos que o Ferrocarril de Vía Estreita (FEVE) teña capacidade de transportar e dar saída as necesidades económicas da comarca da Mariña” incidiu Luís Villares.

Un encontro que no que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia presentou as diferentes propostas de En Marea para a comarca da Mariña lucense, cun proxecto en clave de país e de xustiza social, no que se ofrecen solucións e que permitirá superar a situación de desgoberno á que nos someteu Núñez Feijóo.

Exit mobile version