Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde convida a achegarse a Burela o 27 de agosto para presenciar a IV Bandeira A Mariña de traiñeiras

Burela, 18 de agosto de 2016. Burela acollerá a última proba do Campionato Galego de Traiñeiras o 27 de agosto. A IV Bandeira A Mariña foi presentada este xoves no Concello e desenvolverase a partir das 17:30 horas.

O alcalde, Alfredo Llano, manifestou que “hoxe tivemos a oportunidade de presentar o que é o Campionato de Traiñeiras que se vai facer na Mariña, primeiro aquí en Burela o 27 de agosto, e despois en Ribadeo. O campionato empezará ás 17:30 horas, durará aproximadamente tres horas, e ao día seguinte será en Ribadeo”.

O rexedor burelés subliñou que “pensamos que para Burela é unha boa oportunidade ver este tipo de campionatos e competicións que é a primeira vez que se vai facer algo así en Burela. Penso que é algo moi vistoso, unha manifestación deportiva moi interesante porque require moito esforzo e dominio. Ademais como temos relación co mar aquí, penso que vai gustar moito esta proba deportiva que será o 27 de agosto”.

Alfredo Llano engadiu que “estivemos falando das cuestións máis importantes. Nosoutros imos facilitar totalmente esta labor e que este campionato sexa o máis bonito posible. Para iso imos facer que o paseo marítimo que corresponde á praia de O Portelo estea perfectamente dotado para que todas as persoas que queiran achegarse ata alí, poidan gozar deste evento deportivo”.

O alcalde de Burela declarou que “imos ver e comprobar cómo resulta aquí a nosa praia para facelo máis veces. Eu penso que pode ser a primeira pedra de algo que vai ser moi atractivo durante o tempo. Hai que ir traendo este tipo de deportes para que sexan coñecidos e pensamos que é unha boa maneira tamén de promocionar o noso mar e o noso concello”.

Alfredo Llano concluíu: “están todos invitados a ver este campionato a partir das cinco e media do día 27 deste mes”.

Osa do Mar
Tamén hoxe tiña lugar no Concello a presentación do festival Osa do Mar. O alcalde aludiu “ao compromiso tanto da Deputación como do Concello con este festival. Imos apoiar institucional e economicamente de forma activa aos promotores deste evento”.

Alfredo Llano salientou que “pensando sempre no ben común de Burela e pensando que este é un aspecto cultural que tamén hai que espallar e darlle a súa importancia. É unha música alternativa que pola súa calidade penso que pode ser moi interesante este fin de semana”.

O alcalde de Burela quixo “invitar a todo o mundo a que se achegue tanto de A Mariña como da provincia da Coruña ou de Asturias aquí a Burela. Van ter unha gran oportunidade de apreciar un aspecto cultural e musical importante, e por outro lado tamén van ter oportunidade de coñecer a nosa vila e gozar do que aquí podemos ofrecer”.

Os dous actos contaron coa participación do responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera.

Exit mobile version