Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo lémbralle ao PP que non deron un céntimo para a construcción da residencia da terceira idade

Ribadeo, 19 de agosto de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, lémbralle ao PP que non deron un céntimo para a construción da residencia da terceira idade. Suárez Barcia mostra o seu asombro diante do anuncio dos populares dos logros acadados para A Mariña e para Ribadeo durante o mandato de Núñez Feijóo.

O rexedor manifestou que “o certo é que non saio do meu asombro, despois de ver estas declaracións triunfalistas que fan os representantes do PP na Mariña dicindo o moito e o moi ben que o fixo o goberno do PP neste anos, sobre todo no reforzo nos servizos sociais, cómo construíron e equiparon residencias, etc”.

Fernando Suárez declarou que “é algo que os veciños de Ribadeo, todos, os dez mil veciños, estámoslles moi agradecidos aos señores e ás señoras do PP polo moito que fixeron nos servizos sociais e polo moi ben que trataron aos veciños e veciñas do noso concello”.

O rexedor ribadense lembrou que “hai que ter en conta que non deron un céntimo para a residencia que está finalizando a súa construción. O único que fixeron nesta lexislatura foi poñer pedras no camiño, paus nas rodas para que iso non puidese ser unha realidade. Pois por máis que lles doa está sendo unha realidade, estase acabando de construír, e dentro de pouco iniciarase o equipamento de toda ela”.

Suárez Barcia engadiu que “ao final desta lexislatura é cando non se debe predicar, senón que ao final de todo o traballo é cando se dá trigo e non poñerse a predicar como fan eles agora”.

Para o alcalde de Ribadeo “hai unha cousa que se chama a memoria histórica e a memoria de peixe. A memoria de peixe é aquela que teñen os peixes que recordan brevemente os aspectos que lles pasan no momento, e a memoria histórica é aquilo que queda no imaxinario colectivo, aquilo que queda na mente das persoas, dos homes e mulleres de Ribadeo de ver qué ben se portou o PP nestes anos de lexislatura con Ribadeo”.

Exit mobile version