Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde denuncia que o centro de saúde de Ribadeo conta con pediatra só un día á semana en agosto

Ribadeo, 23 de agosto de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, denuncia a situación do centro de saúde durante estes meses de verán. O servizo de pediatría pasa consulta tan só un día á semana. Suárez Barcia advirte de que “coa saúde non se xoga” e cualifica a situación de “intolerable”.

O rexedor dixo: “aínda nos resoan na cabeza estas verbas grandilocuentes que estes persoeiros do PP o outro día estiveron dicindo aquí do moito que fixo o Partido Popular para a Mariña e todas cantas cousas fixeron que logo lles temos que dar as grazas por vivir”.

Suárez Barcia asegurou que “a realidade é outra ben distinta. Singularmente no tema da sanidade temos que ver por exemplo como en Ribadeo, un pobo con máis de 10.000 habitantes que agora no verán ten moita poboación flotante que acude desde outros sitios, o servizo de Pediatría é atendido unha vez á semana, onde se despraza unha profesional que anda por outras localidades para tratar a tanta poboación. Isto é debido a que a persoa titular do posto está de vacacións, como é lóxico”.

Para o alcalde ribadense que “os veciños e veciñas deste concello teñan que durante esta época estival aturar un día á semana para os nenos e nenas ata catorce anos é algo intolerable”.

Fernando Suárez engadiu: “como é intolerable que neste mesmo centro de saúde non hai tanto tempo, se amortizou unha praza de médico de familia incumprindo os ratios que estiveron durante moitos anos para dar servizo a unha poboación que desgraciadamente nunha alta porcentaxe empeza a ser unha poboación maior”.

O rexedor manifestou que “esta é a triste realidade, cantos menos recursos hai de plantilla máis problemas hai en épocas onde temos moita xente, como é esta época estival”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “os profesionais desde logo fan canto poden e o fan ben, pero se non hai un número de persoal dabondo a poboación paga as consecuencias e estamos falando que paga as consecuencias de algo básico que é a saúde das persoas e con isto non se xoga”.

Exit mobile version