Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo denuncia que fondos públicos financiarán en Cervo as melloras na rúa Galdín que deixou sen facer a inmobiliaria Pasillo verde

Cervo, 30 de agosto de 2016. O concello de Cervo levou a pleno o convenio entre a Axencia Galega de infraestruturas e o propio concello coa finalidade de financiar obras de mellora da Rúa Galdín incluíndo o ensanchamento da ponte sobre a liña de FEVE que conecta a zona de Galdín coa estrada pola costa desde A Veiga a Burela. O BNG votou en contra por entender que existen outras prioridades como evitar a dobre rede de saneamento en San Cibrao, unha delas vertendo ao mar augas residuais sen depurar en Cubelas, e a ineficiente de Cervo que converte a praia de Rueta nunha esterqueira por mor da ausencia de depuración na EDAR de Cervo.

Diñeiro público ven agora a tapar o que debera estar feito fai anos con fondos privados senón tivéramos especuladores ao cargo do goberno local.

A formación nacionalista acusou ao goberno local de usar fondos públicos para tapar a caótica e neglixente xestión urbanística municipal nos tempos de viño e rosas fai 10 anos. Lembran que a mellora da Rúa Galdín estaba entre os compromisos da Inmobiliaria Pasillo Verde para compensar a execución de 500 vivendas e un hotel. A inmobiliaria quebrou deixando sen facer estas obras e unha débeda co concello case 1,3 millóns de euros que agora en parte vai ser financiada con recursos públicos.
Segundo o portavoz municipal nacionalista, Luís Bernardo Insua, “o diñeiro público vai tapar a indecente xestión do PP que asinou un convenio de colaboración coa promotora sen avais bancarios para responder no caso de quebra”, como así foi.

O concello debera poñerse as pilas para rematar coas situacións vergoñentas na xestión do saneamento e depuración de residuais.

Para a formacion nacionalista mellorar esa rúa é necesario, mais podía levar moito tempo amañada si o goberno local tivera actuado con seriedade e firmeza fai agora dez anos e non xogara á promoción inmobiliaria sen orde nin compensación social. Segundo Insua, existen prioridades como conectar toda a poboación de San Cibrao á nova rede de saneamento e depuración de residuais si é urxente, como tamén o é acabar co vergoñento vertido na praia de Cubelas de augas sen depurar cando debería estar desmantelado ao entrar en funcionamento a nova. Ou rematar co mal funcionamento da depuradora de Cervo que converte a auga da praia de Rueta nunha cloaca con augas non aptas para o baño.
Por último o BNG votou tamén en contra da transferencia de créditos por importe de 100.000 euros ao considerar que boa parte das partidas están destinadas a gastos de propaganda e electoralismo para beneficio do Partido Popular no goberno.

Exit mobile version