Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz denuncia a falta de transparencia na construción e posta en marcha da nova gasolineira

Foz, 20 de agosto de 2016. Esta semana inaugurouse a nova gasolineira de Foz, na rúa Cervantes, que espertou polémica desde o inicio da construción por estar situada nunha zona céntrica, ao lado dunha escola infantil e fronte ao asilo. Desde o principio das obras, tanto os veciños da zona como o BNG denunciaron a ubicación por considerala inadecuada e esixiron garantías medioambientais e de seguridade.

No último pleno do pasado 28 de xullo as edís nacionalistas esixiron que se fixeran públicos os informes técnicos previos á apertura das instalacións, para que todos os veciños que o desexen poidan comprobar que a empresa cumpre todos os requisitos esixidos pola lei. Mais a día de hoxe e coa gasolineira en pleno funcionamento seguimos a agardar por eses informes que o alcalde se nega a facer públicos, continuando así coa opacidade que rodeou sempre este proxecto.

Seivane e Rego afirman que “os veciños teñen dereito a saber que esta empresa ten todos os documentos en regra, e nosoutras volveremos a solicitalos as veces que faga falta para facelos públicos, como debería ter feito o señor Castiñeira desde o principio”.

Exit mobile version