Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG destaca que “A Volta Ciclista cruzará A Mariña no mesmo tempo que calquera persoa en coche”

A Mariña, 20 de agosto de 2016. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña chama a atención sobre o estado das estradas polas que discorrerá a volta ciclista e califica como “patético” o feito de que as vías sexan “máis propias para facer carreiras de cabalos que probas ciclistas.”

A formación nacionalista pon o foco de atención en que “a estrada da costa pola que discorrerá a proba deportiva leva anos sendo parcheada sen solucións definitivas, amosando a situación de abandono na que Xunta e goberno do Estado teñen a esta comarca”, declara a responsable comarcal Ana Ermida. “E isso que evitan um dos peores tramos ao meterse cara a costa entre San Cibrao e Burela”, aseguran.

Como mostra, dan un dato absoutamente gráfico: “o tempo estimado pola organización para que o pelotón ciclista cruce A Mariña, de Viveiro a Ribadeo, é de pouco máis dunha hora. Exactamente o mesmo tempo que lle leva a calquera persoa facer ese mesmo traxecto en coche”, afirman desde o BNG.

“Se os poderes públicos se preocuparan de dotar á comarca dunhas estradas propias deste século, adaptadas ás necesidades económicas e socias da Mariña e polas que se puidera circular sen ser un absoluto perigo, sería a mellor promoción que poderían facer”, manifesta Ana Ermida.

“Agardamos que a celebración desta proba serva para que todo o mundo poida ver o abandono no que teñen a esta comarca Xunta e Estado en materia de infraestruturas. A ver se non somos o faimerir desas 20.000 persoas que ven cada etapa ou dos 1.400 profesionais do xornalismo de diferentes estados acreditados para a proba, tal e como se anunciou na súa presentación”, lamentan.

A formación frontista califica de “lamentable que se fale de promocionar unha comarca cando desde os gobernos non se move un dedo por dotala dunhas infraestruturas adaptadas aos tempos e ás necesidades”.

“Estamos asistindo a outro capítulo mais desa política de circo, de xestos de cara á galería que nada aportan para solucionar os problemas reais da xente que cada día ten que sufrir as decisións de deixar abandonada esta comarca, tamén, en materia de infraestruturas.”

“Instamos con urxencia a que os gobernos se poñan a traballar para arranxar de xeito definitivo a estrada da costa e deixarse de rebacheos. E poñer a funcionar as infraestruturas tantas veces prometidas e que nunca chegan”, sinalan en referencia á vía Barreiros-Ferrol.

Exit mobile version