Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela iniciará en breve o proceso de licitación do servizo de limpeza a unha nova concesionaria

Burela, 26 de agosto de 2016. O Concello iniciará en breve o proceso para licitar o servizo de limpeza que ata o de agora levaba Celta Prix. Este foi un dos acordos abordados no pleno extraordinario celebrado esta mañá no que ademais se aprobou a sinatura dun convenio coa Deputación por importe de 350.000 euros para a realización de diferentes obras e servizos.

O alcalde, Alfredo Llano, explicou unha vez rematado o pleno que “tivemos un pleno extraordinario onde basicamente se trataban dous puntos fundamentais. Un deles era a proposta sobre a iniciación do procedemento de licitación do contrato do servizo de limpeza viario no Concello de Burela. Agora xa está rematando a empresa á que lle corresponde pola situación na que está. Hai que facer o procedemento para que se dea legalidade ao servizo. Celta Prix está para rematar polas circunstancias concretas da empresa. Temos que sacar a licitación e iniciar o procedemento e o proceso para licitar o servizo a unha empresa coas condicións dun ano máis outro”.

O rexdor subliñou que “isto foi aprobado hoxe, polo tanto en canto poidamos xa sacamos os pregos de condicións que serán aprobados no próximo pleno, e inmediatamente abrimos o proceso de licitación e de concurso para que as empresas poidan presentarse e aquela que mellor oferta presente sería a que colla o servizo para un ano máis un de prórroga”. Este asunto contou cos votos favorables do PSOE e coa abstención do PP e do BNG.

Llano manifestou que “o outro punto era o acordo para asinar o convenio coa Deputación, que foi aprobado tamén. Explicáronse as obras e os servizos que se pretenden realizar cos 350.000 euros que a Deputación dá a través deste convenio para o Concello de Burela que se van repartir en diferentes proxectos, obras e servizos. Eu pasarei a semana que ven a asinar este convenio e despois hai que solicitar o adianto do noventa por cen para ir facendo obras”.

O alcalde burelés salientou que “hai que ter en conta tamén que ademais temos unha obra do POS valorada en case 48.000 euros para atender a sinalización vertical e horizontal no noso concello. Imos ter tamén por parte da Deputación unha axuda de 16.000 euros do plan de aforro enerxético e tamén temos unha axuda de 3.200 para a atención das TIC, 17.000 euros para axuda no fogar e case 30.000 euros para un plan de emprego co que imos poder contratar sete empregos a tempo parcial durante seis meses”.

Alfredo Llano asegurou que “a Deputación eu penso que se está portando ben co noso concello, creo que se van notar moito estas axudas e imos facer obras e servizos co fin de mellorar as condicións de convivencia dos nosos veciños”. Este asunto contou co apoio do PSOE e do PP e coa abstención do BNG.

Exit mobile version