Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz substitúe uns 50 báculos e luminarias no paseo da Ribeira cun investimento de arredor de 45.000 euros

050BSTITUCIÓN FAROLAS NO PASEO DA RIBEIRA, DE FOZ (1)Foz, 5 de agosto de 2016. O Concello de Foz leva a cabo a substitución duns 50 báculos e luminarias no Paseo da Ribeira, obra que supón un investimento duns 45.000 euros.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que “estase realizando a obra de substitución dos antigos báculos e luminarias da Avenida da Ribeira, entre o porto de Foz e a praia de A Rapadoira. Uns cincuenta postes e luminarias que estaban completamente desfasados e incluso tiñan dificultades na súa seguridade e eran totalmente ineficaces ao tratarse de luminarias esféricas, cunha perda lumínica moi alta”.

O rexedor focense engade que “o valor desta obra que financia nun 75% a Xunta de Galicia mediante o seu plan de subvencións de infraestruturas municipais e outro 25% o concello, é de arredor duns 45.000 euros. Substitúense uns cincuenta báculos e luminarias por outros máis eficaces e modernos e mellora con moito a calidade estética desa zona. Moi probablemente antes das festas do San Lourenzo poderán estar rematadas as obras”.

Javier Castiñeira quere “agradecer á Xunta de Galicia esa aposta pola mellora desas infraestruturas municipais. Esta é unha subvención que se suma a estas últimas moitas no concello de Foz doutras administracións e tamén de fondos municipais. Esta concretamente era unha obra demandada polo pleno da corporación e a verdade é que pouco a pouco se está vendo que hai un cambio substancial no pobo”.
Para o alcalde “iso vai en base a un bo traballo da corporación municipal e en xeral tamén de relación coas outras administracións. Na pasada semana vimos de sumar un convenio importante de máis de 700.000 euros coa Deputación de Lugo, e estes últimos días tamén estamos vendo investimentos de gran envergadura coa Xunta de Galicia”.

Castiñeira subliña que “sen a unión da corporación e dos partidos políticos que temos representación no Concello sería imposible. Eu creo que a xente debe agradecer ese bo ambiente aos grupos políticos. Eu creo que en Foz temos superado esas diverxencias na corporación e iso está dando resultado. Eu vou seguir con esa actitude na que todos gañamos, os partidos pero tamén os veciños aos que representan”.

Exit mobile version