Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo investirá 50.000 euros na sinalización dos recursos turísticos da localidade

Mondoñedo, 20 de agosto de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo destinará 50.000 euros á sinalización de recursos turísticos e de Bens de Interese Cultural (BIC) da localidade para a súa correcta localización. En concreto, estas tarefas contarán cunha achega de 35.000 euros de Turismo e o restante será aportado polo Concello de Mondoñedo.

Amais da sinalización dos recursos turísticos, os datos serán incluídos no Google Maps como un modo de dalos a coñecer ao mundo e facela accesible desde calquera punto xeográfico.

A rexedora pon en valor a aposta do seu Goberno polo turismo e polos recurso que ten Mondoñedo, unha aposta da que quere facer partícipes a todos os veciños e veciñas, polo que fará entrega da memoria deste proxecto a todos os axentes sociais da cidade co propósito de que fagan as súas achegas “que sempre serán benvidas”, engade.

O proxecto
Proponse a colocación de sinais direccionais aptas para a colocación en estradas nacionais e convencionais sendo: frechas direccionais, conxuntos de sinalización urbanas, paneis identificativos de elementos culturais, atrís explicativos, directorios planímetros e totems de benvida.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, subliña a necesidade de acometer estes traballos, posto que “a sinalización existente a día de hoxe é en moitos casos inexistentes e noutros casos escasa, obsoleta e pouco clarificadora”.

A rexedora avanza que o proxecto se exporá coa intención de constituír unha ferramenta fundamental de axuda ao turismo e a promoción das visitas a estes lugares xa que, ademais de facilitar a chegada aos mesmos, contribuirá á boa imaxe do municipio como destino turístico. Por iso, convida aos veciños e veciñas a que fagan as súas achegas ao proxecto ao tempo que se inicia o proceso de contratación dos traballos.

A sinalización incluirá o logo de Patrimonio da Humanidade en elementos como a Catedral.

Unha ampla información
O proxecto que se presenta pretende mellorar a sinalización para achegar a todos os BIC e recursos turísticos de vital importancia no municipio, así como informar das súas características, historia e particularidades. Facilitar o percorrido ata a chegada supón unha mellora na comunicación e, ao mesmo tempo, unha actuación que fomentará ó turismo e as visitas a todos estes recursos.

Entre os elementos que se van sinalizar atópase o antigo consistorio, a Praza da Catedral e Pazo Episcopal, a Fonte vella, o Seminario Conciliar de Santa Catalina, a Casa do Concello, a Igrexa de Santiago, o Convento da Concepción, a Igrexa dos Remedios, o Cemiterio vello, o Centro de interpretación do Camiño Norte, a Antiga Muralla, o Barrio dos Muíños – Ponte do Pasatempo e a Alameda dos Remedios – Hospital de San Pablo, entre outros.

Exit mobile version