Site icon Crónica3.com A Mariña

O convenio de colaboración do Concello coa Deputación para a execución de obras en Burela será sometido a Pleno

Burela, 24 de agosto de 2016. O Concello celebrará este venres, 26 de agosto, un pleno extraordinario no que se presentará a aprobación o convenio coa Deputación Provincial de Lugo para a execución de diversas obras. Nesa sesión tamén se abordará o inicio do proceso de licitación do servizo de limpeza, ata o de agora xestionado pola empresa Celta Prix.

O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que “imos facer un pleno extraordinario o próximo venres, día 26, ás dez da mañá para poder facernos cargo o antes posible do que é o importe e a execución de obras que imos facer a través do convenio que imos asinar coa Deputación Provincial”.

O rexedor burelés lembrou que “este convenio é moi interesante para o Concello de Burela, xa que inclúe unha serie de obras, arranxos e mellora de servizos. Supón un importe para Burela de 400.000 euros”.

Alfredo Llano subliñou que “en canto teñamos aprobado e asinado este convenio xa podemos percibir o noventa por cen da totalidade do que é o importe para ir facendo obras. Obras de asfaltado, de reposición de beirarrúas, en parques e xardíns, obras no campo de fútbol coas casetas que imos realizar alí en canto se poida, arranxos no barco museo, hai investimentos en Servizos Sociais para atención especial a persoas maiores, en Cultura para publicacións e tamén para Deportes”.

O alcalde comentou que a este pleno extraordinario “van unha serie de puntos todos eles relativos a Celta Prix e ao servizo de limpeza. Imos procurar iniciar xa o proceso de licitación dunha nova empresa para un ano máis outro prorrogable. Mentres tanto imos facer un estudo rigoroso e completo para saber se lle merece a pena ao Concello recuperar o servizo ou seguir coa licitación. O noso propósito é tratar de recuperar o servizo para o Concello de Burela. Agora mesmo temos que iniciar o proceso dunha nova licitación dun ano que poden ser dous”.

Alfredo Llano concluíu sinalando que “imos aprobar estes puntos, esperemos que se aproben con facilidade porque o que se trata é de facer cousas para o beneficio global e integral de Burela”.

Exit mobile version