Site icon Crónica3.com A Mariña

O edil de limpeza viaria e xestión de residuos de Ribadeo chama a veciñ@s e visitantes a “manter limpo o concello”

Ribadeo, 12 de agosto de 2016. O concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos, Jorge Díaz Freije, fai unha chamada á colaboración cidadá “dos veciños e veciñas ribadenses e tamén ás miles de persoas que pasan a diario por Ribadeo e pola súa contorna”.

Freije insiste “en lembrarlle á xente que non saque o lixo ata á noitiña para evitar cheiros nas rúas de Ribadeo durante todo o día. Estamos a ter un verán moi caloroso e si botamos o lixo pola mañá nos contedores pasa moitas horas fermentando e ocasionando cheiros innecesarios. É necesario botar os residuos en bolsas perfectamente pechadas e non vertelos directamente nos colectores. Este é un mal comportamento que detectamos por parte dalgún local hostaleiro. A todos hostaleiros e veciños lles pedimos a súa colaboración, porque por moito que lavemos os contedores senón melloran as súas prácticas de pouco serve”.

O edil de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos tamén se dirixe aos milleiros de persoas que pasan a diario por Ribadeo: “estamos a ver prácticas nada correctas nas inmediacións da praia das Catedrais, con centos de papeis e bolsas tirados e abandonados nos aparcadoiros do areal e tamén nas cunetas. Nese areal ao igual que no resto das praias hai papeleiras e contedores habilitados para que depositemos os residuos que xeramos. Entre todos debemos manter un Ribadeo máis limpo e mellor para todos”.

Desde a Concellaría de Xestión de Residuos lembran que “a finais de agosto volveremos proceder ao lavado dos contedores de Ribadeo e das parroquias. A este fin destinamos ao longo do ano 2016 unha partidas de 10.000 euros”.

Jorge Díaz Freije fai unha nova chamada aos donos de cans: “as mascotas non poden estar soltas pola rúa nin polos espazos públicos: xardíns, paseos, etc… os cans teñen que ir atados e se son dalgunha raza perigosa deben levar bozal. E os seus donos deben recoller os excrementos. Hai zonas de Ribadeo que están moi castigadas e que xeran moitas queixas por parte dos veciños e das veciñas. Mala imaxe damos deixando as cagadas dos cans nas rúas e nas beirarrúas. Os animais non teñen a culpa. Os que deben mellorar os seus comportamentos son os seus propietarios. Tamén recibimos queixas de mexadas nos portais e nos accesos a locais comerciais e hostaleiros. Insistimos en pedir colaboración para que estes feitos vaian a menos ou non volvan producirse”.

Sobre o cartón Jorge Díaz Freije indica que “hai que deixalo pregado e dentro dos colectores, non enriba ou carón deles”.

O edil nacionalista engade que “por moitos recursos que destinemos á limpeza de Ribadeo si falla a concienciación cidadá pouco poderemos facer”.

Exit mobile version