Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación inclúe baremos sociais nas axudas de 400.000 euros para asociacións culturais lucenses

depu-culturO Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este mércores as subvencións de concorrencia competitiva da área de Cultura que o Executivo Provincial aprobará o venres na Xunta de Goberno. Fíxoo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, xunto á responsable deste departamento provincial, Pilar García Porto.

Campos Conde explicou que “esta programación está dirixida a entidades asociativas culturais lucenses. É dicir, son axudas para colectivos legalmente constituídos na nosa provincia; con sede ou delegación social en Lugo. Están dotadas dun total de 400.0000 euros para actividades en impulso da nosa cultura e tradición, que se celebren no conxunto da provincia. Por exemplo, programacións de música, baile, teatro, historia, fomento do galego ou promoción do patrimonio”.

Esta programación contempla 2 liñas de actuación: axudas de entre 300 e 8.000 euros para programacións de carácter anual, que supoñen a principal actividade, ou conxunto de actividades, da entidade asociativa; e axudas de entre 300 e 6.000 euros para actividades con carácter puntual, entendendo como tal, aqueles eventos importantes, programados con antelación, para un determinado momento no tempo.

Baremos sociais
Como novidade, o Goberno da Deputación elaborou unhas novas bases con criterios obxectivos, nas que se inclúen baremos sociais “co obxectivo dunha concesión destas axudas máis xusta”, apuntou o Presidente. Deste xeito, por primeira vez puntuarase favorablemente os proxectos para actividades dirixidas á terceira idade, á persoas con capacidades diferentes, á mulleres, cativos e á mocidade. Ademais, terase en conta a dispersión territorial e poboacional para primar aquelas programacións que se leven a cabo en pequenas localidades, “especialmente no rural”, indicou. Tamén se valorará o impacto e repercusión da actividade cultural entre a sociedade ou o fomento da cooperación e traballo entre as distintas asociación culturais.

Anticipo do 80%
Outra das novidades é que o Goberno da Deputación decidiu ofrecer aos colectivos que finalmente resulten beneficiados destas axudas un anticipo das mesmas do 80%. García Porto destacou que a previsión é abrir o prazo de solicitude en setembro, pois, unha vez aprobadas este venres, como requisito do Goberno Central, estas agora tamén teñen que ser publicadas no Boletín Oficial do Estado e logo, coma sempre, no Boletín Oficial da Provincia. Posteriormente, abrirase un prazo de 10 días naturais para a presentación de solicitudes.

Obrigas e requisitos
Os beneficiarios tamén terán obrigas, como por exemplo: achegar o 5% do custo total da actividade subvencionada; acreditar, con toda a documentación oficial e regulada, a realización da actividade subvencionada; ou someterse ás actuacións de comprobación e control financiero que poidan solicitar en calquera caso os técnicos provinciais.

As axudas son, exclusivamente, para entidades asociativas lucenses que desempeñen a súa actividade na provincia. Quedan excluídas das mesmas as que fosen condenadas, mediante sentenza firme, á perda de axudas públicas; as que solicitasen a declaración de concurso voluntario; as que non estean ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social; ou as que teñan residencia fiscal nun país ou territorio cualificado como paraíso fiscal.

Exit mobile version