Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno local someterá a Pleno a aprobación da relación de postos de traballo do Concello de Mondoñedo

Mondoñedo, 21 de agosto de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo someterá a Pleno a aprobación da relación de postos de traballo (RPT) municipal. Así o avanza a alcaldesa, a popular Elena Candia, dando así cumprimento a un dos seus compromisos electorais.

A rexedora explica ademais que o Goberno local pon en marcha tamén a elaboración dun convenio colectivo que, agarda, conte con maior consenso posible para saír adiante.

Elena Candia agradece a colaboración dos servizos de recursos humanos da Deputación de Lugo, encargados da elaboración do documento da RPT, o que permite un aforro para o Goberno local que non terá que facer desembolso algún pola súa redacción. “Trasladamos o noso agradecemento aos técnicos provinciais polo seu traballo, o que permite que o Concello de Mondoñedo non teña que asumir ningún custo pola súa elaboración”, engade.

O anterior goberno, un irresponsable

Estas medidas tomadas polo Goberno local permiten organizar os recursos humanos do Concello, tal e como explica a alcaldesa. A popular indica ademais que o seu Goberno atopou un cadro de persoal sen organizar no que o anterior goberno nin cumpría a normativa en prevención de riscos nin no referente á vixilancia da saúde “nun exercicio de absoluta irresponsabilidade”.

Un documento froito do consenso
A alcaldesa destaca “o gran apoio” que conseguiu o documento da RPT ao que se chega despois de “varios meses de intenso traballo”. Así, conta co voto favorable de CIG e CCOO, con representación no Concello, e tamén co respaldo de UGT e CSIF, sen representación no Consistorio. Así mesmo, conta co apoio unánime de todos os traballadores e traballadoras municipais: funcionarios e persoal laboral que votaron o documento.
O documento será sometido a Pleno o vindeiro venres. A alcaldesa, Elena Candia, agarda contar co voto favorable dos demais grupos atendendo ao respaldo que o texto xa conseguiu por parte de traballadores e sindicatos.

Exit mobile version