Site icon Crónica3.com A Mariña

O Hospital da Costa acolle unha exposición conmemorativa do 25 aniversario do Sergas

Burela 3-8-16. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde instalada na entrada principal do Hospital da Costa. Nesta mostra pódese ver como teñen cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema da zona da Mariña lucense nestas décadas.

Dende a súa posta en marcha foi crecendo en servizos e dotacións, e neste sentido o conselleiro destacou a acreditación docente do hospital en 1991 e a incorporación do seu primeiro médico interno residente (MIR).

O Hospital da Costa foi inaugurado no mes de maio do ano 1986, como o de Monforte, o que significa que acaba de cumprir trinta anos. Segundo sinalou o conselleiro, a súa construción e inauguración -un “revulsivo” para a sanidade do norte da provincia- foron previos ás transferencias do Insalud, e incrementou as súas funcións e capacidades ao incorporarse ao Servizo Galego de Saúde en 1991.

Ao longo da súa existencia, no centro burelés naceron máis de 12.000 bebés, traballaron máis de 2.000 profesionais e recibiron atención máis de tres millóns de pacientes.

“Con esta exposición, hoxe botamos unha ollada cara ao pasado. Nas diferentes fotografías e imaxes podemos ver como ten cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas, a forma de facer a Sanidade. Sen embargo, queremos ser un Servizo de Saúde que mira sobre todo cara ao futuro”, declarou Vázquez Almuiña, quen tivo tamén unhas palabras de recoñecemento para os profesionais, “cuxo labor, enerxía e esforzo no día a día durante estes 25 anos teñen dado lugar ao sistema sanitario público que hoxe temos”.

Exit mobile version