Site icon Crónica3.com A Mariña

O medallista olímpico viveirés Cristian Toro recibe a insignia de ouro da Deputación

toro-ouroO Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu no salón de plenos do Pazo de San Marcos ao palista lucense Cristian Isaac Toro, recentemente proclamado campión olímpico na proba de K-2 200 metros, nos Xogos de Río de Janeiro 2016. Toro recibiu a insignia de ouro da Deputación, unha distinción que vén a recoñecer a súa incuestionable traxectoria ao longo dos últimos anos. Así mesmo, Cristian Toro asinou no libro de ouro da provincia, no que deixou constancia do seu agradecemento á Deputación polo apoio recibido.

Campos Conde sinalou que “é un orgullo para a nosa provincia contar cun deportista da talla de Cristian Toro, unha referencia no mundo do piragüismo e un exemplo para os máis pequenos deste deporte. A túa impecable traxectoria é froito do esforzo, do compromiso e do traballo diario. O teu sacrificio levoute a triunfar en campionatos nacionais e europeos, ata conquistar a medalla de ouro olímpica, o soño de calquera deportista de elite”, engadiu.

Ouro olímpico
Cristian Toro, no seu debut olímpico, deulle a Lugo unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Río despois de impoñerse na final do K2 200 metros xunto á súa parella de embarcación, Saúl Craviotto, cun tempo de 32:07 segundos, finalizando por diante dos británicos L. Heath y J. Schofield, segundos clasificados, e os lituanos E. Ramanauskas y A. Lankas, que completaron o podio.

Exit mobile version