Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela di que o goberno municipal “carece de previsión para a celebración de eventos e xenera problemas ós cidadáns”

Burela, a 24 de agosto de 2016.- O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela reiterou este mércores que “o pouco traballo do goberno municipal no día a día, a súa total falla de previsión, a descoordinación e a irresponsabilidade están provocando que a imaxe que Burela está a dar este verán non sexa a millor para convidar ós visitantes a que se queden na nosa vila e, o que é peor, están xenerando problemas a parte da cidadanía e dos visitantes. Por desgracia, este fin de semana último se xeneraron moitas queixas de cidadáns que asisten impotentes á ausencia total de solucións ás problemáticas que se xeneran coa organización de eventos e tamén coa limpeza das praias”.

Os populares consideran que “dende as delegacións de Obras e Medio Ambiente non se planificou como se debería a celebración do ‘Osa do Mar’, o que trouxo consigo que se tardase moito tempo, máis do debido, na recollida dos residuos que se xeneraron co evento, coa conseguinte imaxe negativa que se levaba todo o mundo que ía ou viña da Marosa. Noutros eventos, en anos anteriores, programábase a recollida do lixo coa maior celeridade posible para non causar molestias ós cidadáns. Era norma habitual que no mediodía seguinte ó evento xa estivese todo recollido ou alomenos o máis importante. Neste caso, moito nos tememos que isto non aconteceu”.

Desde o GMP din que “a falla de previsión do goberno municipal para o ‘Osa do Mar’ trouxo consigo unha serie de problemas durante a fin de semana última, que se sumaron ós problemas estructurais que se veñen acarreando desde principios do verán. Exemplo claro, a falla de limpeza nos baños da praia de A Marosa, ou a presencia inusual e excesiva de residuos de latas, bricks, plásticos, etc., na mesma praia. Así mesmo, ausencia de solucións á presencia de olga nas praias debida ás mareas vivas. Calquera das tres cuestións se nos trasladaron desde varios usuarios das praias, e hai que destacar que a primeira delas foi especialmente ‘impactante’. No que se refire á olga, non hai palabras para definir a falla de resposta do goberno municipal ante este fenómeno, porque esto non é a primeira vez que ocorre, e dado que non se pode retirar da praia, o que se sí se pode facer é movela, cambiala de sitio, para facerlle oco ós usuarios que queren disfrutar da área. Non estamos pedindo que se retire, nin tan sequera que se enterre, cousa ésta última que sí se pode facer; só estamos suxerindo solucións que xa se teñen aplicado con gobernos municipais do PP”.

No que se refire ós problemas “estructurais” deste verán, o GMP destaca “o pouco interese polas praias que están demostrando. Podendo contratar máis socorristas para completar os dez que se precisan, porque se trata de persoal de seguridade, non o fixeron, o que trouxo consigo unha reestructuración horaria que se podía facer de outro xeito, como se fixo en 2014. Algúns elementos das infraestruturas das praias están deteriorados, coma o ‘vestiario’ en espiral que hai na praia de Portelo, que presenta elementos de madeira desprendidos e que non se arranxan, e que entendemos que non debe levar moito tempo ou arranxalo ou sacalo. E a ‘movilidade’ á que están suxeitas as dez persoas destinadas a limpeza de praias, que pasan máis tempo noutros traballos que limpando as praias, porque desde o goberno municipal se lles encomendan outras tarefas que nada teñen que ver co cometido que teñen que realizar, cousa que non se debe facer en fins de semana especialmente difíciles coma puido ser este último”.

Os populares lembran que “non é a primeira vez na que se ocasionan problemas ós cidadáns e os visitantes neste verán: pasou co corte de rúas na carreira nocturna, e coa baixada de carrilanas; as queixas non foron poucas, cousa que se podía evitar se se fixesen os cortes de rúas coordinando coa policía local e con protección civil, e contando coa policía municipal para que estiveran presentes, ou mesma a Guardia Civil”.

Os edís do PP advirten que “esta crítica faise con ánimo constructivo: non é a primeira vez que hai eventos no verán en Burela; non é a primeira vez que hai eventos cerca da praia de A Marosa; non é a primeira vez que hai olga nas praias…, e non é a primeira vez que hai elementos nas praias que se estropean. Pero desgraciadamente é a primeira vez na que a resposta municipal chega tarde, ou non chega, e se chega chega deslavazada e incoherente. E como partido de goberno que somos, temos obriga de denunciar estas situación e dar alternativas, porque nós tamén estamos interesados en que Burela transmita boa imaxe ós veciños e ós visitantes”.

Finalmente, desde o GMP reiteran o seu “convencemento en que se poden minimizar considerablemente os efectos destas situación, se se actúa con máis dedicación, con máis traballo, e preparando as cousas con tempo. E esto compételle ós concelleiros de Obras e Medio Ambiente, e tamén ó alcalde, que non deixa de ser o máximo responsable do concello. Unha vez máis, pedimos que se traballe un chisco máis, para evitar estas situacións, que algún cobra dabondo para poder esixirlle ese traballo que se vé ás claras que non se fai”.

Exit mobile version