Site icon Crónica3.com A Mariña

Por motivos de seguridade, a proba do Campionato Galego de Traiñeiras celebrarase nas instalacións portuarias de Burela

Burela, 23 de agosto de 2016. A proba do Campionato Galego de Traiñeiras, que se disputará este sábado, 27 de agosto, en Burela cambia o seu lugar de celebración, segundo ven de dar a coñecer o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.

O edil explica que “a proba íase celebrar na praia urbana de Burela, pero para esa xornada temos aviso de que haberá algo de mar e por motivos de seguridade trasládase ás instalacións portuarias. A nós gustábanos máis a ubicación da praia urbana, sobre todo pensando no desfrute dos veciños, pero os técnicos do campionato entenden que sería arriscado facelo alí e non nos queda máis remedio que aceptar esas recomendacións”.

Fernández Rey engade que “todos os permisos están pedidos para proceder a este cambio, agardamos que non se produzan contratempos e que a proba se dispute en Burela, porque ademais aquí se van decidir os gañadores da Liga Galega de Traiñeiras, o que vai a garantir un nivel de competición alto e seguro que moi vistoso para todos os que alí nos acheguemos a gozar desta proba”.

Para o concelleiro de Deportes “trátase dunha cita atractiva para Burela e que vai na liña deste equipo de goberno de traer cousas novidosas para o noso pobo, esperamos que sexan moitos os veciños e visitantes que se acheguen ata o porto o sábado a partir das cinco da tarde para gozar desta proba. Si conta co noso apoio é posible que poidamos acoller noutras ocasións citas similares, algo que sería moi importante para o deporte burelés e tamén para o nosa hostalaría e para o noso comercio”.

Exit mobile version