Burela, 4 de agosto do 2016. En xullo visitaron o barco museo Reina del Carmen 746 persoas e pola oficina de turismo pasaron a solicitar información 1.500 persoas. Os datos deunos a coñecer este xoves o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.
O edil socialista fixo hoxe balance turístico do mes de xullo. Ramiro Fernández Rey está satisfeito coa marcha da campaña turística de verán no que se refire a visitantes e ocupación hosteleira en Burela. Explicou que segundo os datos que lle remitiron tanto da oficina de turismo como do barco museo Reina del Carmen, así como cos facilitados polos hoteis e pola hostalaría de Burela “a campaña marcha a bo ritmo e notouse un incremento de turistas na pobo”.
Fernández Rey contou que “polo barco museo Reina del Carmen recibiu no mes de xullo 746 visitas e pola oficina de turismo pasaron a pedir información en torno a 1.500 persoas. En canto a ocupación hoteleira estase a rozar o 100 % de ocupación nas fins de semana e en torno a un 85% en pernoctacións semanais. Con estes datos, aínda que estamos convencidos que se poden mellorar, estamos satisfeitos pero tamén seguiremos a traballar en materia turística, xa que entendemos que é un sector que pode dar moita actividade económica no pobo”.
O concelleiro de Turismo subliña “o esforzo que se está a facer dende o Concello e por parte das distintas asociacións en manter a actividade durante o verán e salienta que dende o mes de xullo ata agosto en todas as fins de semana vai haber actividade turística no pobo que empezará esta fin de semana coa Feira de Bonito, continuará a segunda fin de semana coa Festa do Marisco, na terceira teremos o Festival Osa do Mar e rematará a última fin de semana de agosto cunha competición de traiñeiras, que se organizará xunto coa Liga Galega de Traiñeiras. Vai a ser unha actividade nova no pobo e entendemos que pola súa espectacularidade e ao ser unha novidade vai chamar a atención tanto de veciños como de visitantes, ademais disto estamos a traballar para pechar esa xornada festiva cunha festa con hinchables na propia praia urbana para que os nenos e nenas tamén poidan disfrutar da praia ese día”.
Xeorutas
Ramiro Fernández Rey tamén se referiu ás Xeorutas: “outra das actividades impulsadas dende o Concello entre as Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente son as rutas xeolóxicas que están a ser un enorme atractivo e que están a ter unha moi boa acollida por parte da xente que quere desfrutar delas. De momento todas as rutas que se fixeron tiveron un éxito rotundo e completáronse as 25 prazas dispoñibles. E a previsión que temos é que todas as rutas que se ofertan, as próximas están programadas para os días 10 e 18 de agosto, tamén queden escasas para o número de peticións que temos. Imos seguir apostando por estas Xeorutas xa que vemos que están sendo acollidas moi ben e entendemos que foi un gran acerto apostar por esta actividade”.