“Será unha tempada diferente. Espero participar máis e axudar máis ao equipo que en anos anteriores, nos que estaba nunha fase máis de aprendizaxe”, expresaba así a súa declaración de intencións a burelá, valorando especialmente a experiencia do último exercicio na súa maduración como deportista: “Co equipo filial tiven a oportunidade de desenvolver outro rol, era das máis veteranas e puiden aprender a falar máis coas miñas compañeiras na pista, a temperar os nervios na pista e a ter máis confianza, algo que non podía facer no primeiro equipo. Puiden contribuír por min mesma por primeira vez”.
Silvia, que con tan só 20 anos, xa puido vivir a experiencia laranxa dos dous títulos de liga, volve depositar toda a súa ilusión nos obxectivos do equipo: “Será un cadro competitivo, aínda que teremos cambios; virán outras xogadoras e o equipo seguirá loitando como sempre se caracterizou”, confesaba a ala mariñá, con mestura de emocións fronte a Vista Alegre: “Sei que aquí teño un grande apoio, pero tamén moitos máis nervios; o ano que xoguei fóra, co Rioja FSF, xogaba máis relaxada, máis solta. Non quero deixar de sentir eses nervios, teño que aprendez a canalizalos para axudar máis na pista”.