Site icon Crónica3.com A Mariña

A Caravana da Mocidade presentou medidas para que a xente nova quede e volva á Mariña

A Mariña, 7 de setembro de 2016. A caravana da mocidade de Galiza Nova estivo este mércores en Ribadeo presentando as principais medidas do BNG para as vindeiras eleccións do 25 de setembro. “Temos un País rico, cheo de vida e de xente que quere traballar e sacalo adiante. Non podemos permitir que siga perdendo xente moza que ten que ser o seu futuro”. Así de contundente se manifestou a candidata mariñá ás eleccións do vindeiro 25 de setembro, Montse Porteiro.

“No BNG temos propostas, temos ideas, sabemos o que queremos e o que precisa este País. Somos conscientes de que o futuro pasa pola mocidade e que non podemos permitirnos perder a ninguén. Hai que poñer a producir a esta terra e a xente nova é o principal motor. Por iso para nós é fundamental contar con ela, témola presente e temos un programa específico de medidas que permitan desenvolver unha Galiza moderna desde nós mesmas”, afirmou.

Desde o BNG apostan por duplicar o investimento en I+D+I e por incorporar ao sistema galego de I+D+i á xente nova “que ten talento, que está preparada e pode achegar o seu saber a este mundo da innovación e da modernización do País”.

A formación nacionalista tamén inclúe no seu programa o denominado Plan Retorna para favorecer a volta a Galiza e a posta ao servizo do País da xente nova con talento e tamén da que emigrou por razóns de necesidade económica.

Garantir emprego de calidade é o mellor xeito de fixar a poboación
Outras das propostas do BNG para a mocidade son a aplicación dun sistema de microcréditos para financiar proxectos de emprego xuvenil, a potenciación do emprendemento mediante empresas de economía social con financiamento tamén de entidades públicas como a banca pública galega, a mellora das condicións laborais e salariais dos contratos de formación e prácticas coa súa equiparación ao salario mínimo interprofesional -que se pretende incrementar na súa dotación-, e un plan de emprego xuvenil plurianual que contemple actuacións en todos os ámbitos, pero sobre todo nos sectores estratéxicos da economía do país para favorecer o relevo xeracional e a incorporación da xente nova.

“Temos que garantir que a xente moza poida optar a quedar na nosa comarca e que volvan as miles de persoas de menos de 35 anos que marcharon nos anos de goberno de Feijoo. A Mariña é rica e ten posibilidades, só precisa dun goberno ao servizo da xente que aposte por investimentos en materia de emprego, de infraestruturas e de servizos públicos, garantindo o acceso aos mesmos a todo o mundo”, explicou Porteiro en referencia aos problemas coa tarxeta sanitaria para as persoas emigradas.

A mocidade é o motor do cambio
A tamén candidata mariñá e membra de Galiza Nova, Andrea Martíns, asegurou que “a xente nova temos a capacidade de mudalo todo. Somos rebeldes e aspiramos a ter un futuro digno. Por iso apostamos polo BNG como unha forza propia que poñerá a este País no centro das decisións e que mudará de raíz as políticas que se viñeron facendo nestes anos.”

“Non podemos permitir que as medidas para a mocidade sexan pagar cartos públicos a empresas alemás para que contraten mozas e mozos a custe cero. Estamos fartas de ver marchar a familiares e amigas. Querémolas a todas aquí, producindo para mellorar Galiza.”

A candidata nacionalista tamén incidiu na necesidade de recuperar os Centros Quérote, desmantelados por Feijoo, e poñelos a disposición da mocidade para contar con unha información afectivo-sexual accesíbel e fiábel, promovendo a igualdade e a diversidade. Igualmente lembrou que para o BNG é prioritario e urxente pór en marcha un Plan galego de prevención e condición social sobre o terrorismo machista para perseguir o machismo no traballo, no ensino ou nos medios públicos.

Exit mobile version