Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG saúda a iniciativa do Concello de Muras de bonificar o prezo do recibo da luz á súa poboación

Lugo, a 14 de setembro de 2016. Representantes da CIG-Industria e da Unión Local da CIG da Mariña mantiveron este xoves un encontro con membros da Corporación municipal do Concello de Muras, para trasladarlle o apoio e a satisfacción pola recente aprobación dunha Ordenanza Municipal para bonificar o prezo do recibo eléctrico ao conxunto da súa poboación. A ordenanza, que foi aprobada por unanimidade no Pleno municipal, recolle plenamente o obxectivo impulsado pola CIG para termos unha Tarifa Eléctrica Galega.

Por parte da CIG acudiron á reunión Xoán Xosé Bouzas (Secretario Nacional da CIG-Industria), Fernando Branco (responsábel de enerxía da Federación), Sussa Rivera (da Executiva Local da CIG da Mariña), xunto con Antón González e M. Jesús Peña, tamén da CIG-Industria. Por parte da Corporación local, estiveron presentes o alcalde do Concello (BNG), Manuel Requeijo Arnejo, a 1º Tenente de alcalde, Belén Chao (BNG), e o voceiro do grupo municipal do PP, Danilo Requeijo Castro.

Durante a reunión, dende a CIG destacouse o especial valor que ten a iniciativa posta en marcha polo Concello de Muras, xa que é un primeiro paso para poñer a enorme produción de enerxía eléctrica que se xera en Galiza ao servizo da poboación e a economía.

A este respecto, o propio alcalde subliñaba o importante impacto que tivo a instalación dos parques eólicos (380 aeroxeneradores, segundo as cifras oficiais) nun concello que non chega aos 800 habitantes e que cada ano perde poboación. Estes eólicos xeran unha enorme riqueza, pero os beneficios apenas reverteron na veciñanza. “Con esta base, o goberno municipal tentou mudar esta situación dalgún xeito e aí naceu a ordenanza municipal”, explicaba o alcalde.

A medida, que xa está vixente, tivo boa acollida entre os veciños e veciñas e así se reflectiu no feito de ser aprobada por unanimidade da Corporación.

Tarifa Eléctrica Galega
A ordenanza recolle plenamente o obxectivo impulsado pola CIG para combater a pobreza enerxética e dotármonos dunha Tarifa Eléctrica Galega. Non hai que esquecer que Galiza exporta cada ano arredor do 40% da enerxía que produce, que sufrimos as consecuencias sociais e ambientais desta actividade, pero non recibimos ningún beneficio a cambio.

Para combater este desaxuste, a CIG demanda unha tarifa diferenciada máis barata para Galiza, para facilitar a instalación de industrias e garantir o acceso de toda poboación a este ben básico. En concreto, a central propón unha bonificación dun 30% nas peaxes “que supón, en termos reais, un 15% do custe do recibo. Para unha industria esa cantidade pode ser definitoria á hora de asentarse e xerar emprego no noso país”, aseverou Fernando Branco.

Con tal obxectivo, a CIG presentou, no mes de xaneiro, unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento Galego, co apoio de máis de 18.000 sinaturas e que foi tomada en consideración, co voto unánime de toda a Cámara. Porén, pasados sete meses desa aprobación, esta importante iniciativa aínda está pendente de iniciar o proceso de desenvolvemento lexislativo e continúa aparcada nunha comisión.

“Mesmo nestes momentos de campaña electoral, sorprende negativamente que, dos catro grupos que lle deron o seu voto afirmativo na Cámara galega, só un, o BNG, leve a proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega no seu programa electoral”, censurou o responsábel de enerxía da CIG-Industria.

Pola contra, destacou moi positivamente “que o Concello de Muras, no ámbito das súas competencias e no seu límite territorial, poña en marcha unha medida para trasladar aos seus habitantes parte dos beneficios, en base a súa capacidade produtiva. E por iso hoxe vimos aquí felicitar a Corporación por esta iniciativa”.

Segundo o aprobado, o Concello devolverá parte do custe do recibo da luz aos veciños e veciñas que así o soliciten, en función da súa renda e cun importe máximo de axuda de 500€/ano. “Esta cantidade de cartos, podería supor pagar a factura da luz completa a algunhas familias”, destacou Fernando Branco.

O modelo de Muras poderíase ser aplicábel noutros concellos, xa que existe un número importante de municipios galegos que son superprodutores de enerxía. Iniciativas como esta contribúen, ademais, a asentar poboación, a mellorar as condicións de vida e a loitar contra a pobreza enerxética. Neste senso, Branco lembrou que moitas familias galegas teñen problemas no inverno para manter os seus fogares cunha temperatura adecuada “por non poder pagar o recibo da luz ou do gas”.

“Xa é moita hora de que os/as galegos/as, que teñen as pensións e os salarios entre os máis baixos do Estado, se beneficien da nosa capacidade produtiva pola que, ademais, pagamos un alto custe social e ambiental”, concluíu.

Exit mobile version