Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Saúde desminte unha mellora das listas de espera en consultas e esixe unha sanidade digna para A Mariña

Dende CIG-Saúde denuncian a falta de transparencia do PP en relación coas listas de espera nas que segue a ocultar información ao evitar plasmar a realidade ao negarse a publicar a Lista de espera non Estrutural ou Lista B.

“A lista de espera normal é a estrutural, cando non aceptas as propostas do SERGAS con respecto a ir á concertada/privada pasas á lista de espera non estrutural, que é iso? Pois unha lista B, o limbo…. onde quedas nun caixón ata que te queiran rescatar”, explican.

CIG Saúde lembra que os responsables da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte anunciaban que nas primeiras consultas externas do Hospital dá Costa, a espera, de media, é de menos de 30 días.

A central nacionalista desminte estes datos e pon como exemplos “as esperas de máis dun ano para facer probas diagnósticas de cardioloxía (como probas de esforzo ou ecocardio de estrés), as agardas na consulta de oftalmoloxía, onde pacientes con retinopatía diabética, unha complicación da diabetes e principal causa de cegueira agardan ata un ano co risco que iso implica ou as longas esperas que as mulleres sofren para coñecer o resultado dunha simple citoloxía”.

CIG Saúde A Mariña denuncia que o SERGAS non respecta o dereito das persoas a seren atendidos na Sanidade pública porque ao negarse as seren derivados á sanidade privada son “excluídos das listas de espera”.

Dende CIG Saúde A Mariña “apostamos por unha sanidade ao alcance de todas e todos, pública e de calidade. Neste senso, é necesario poñer en marcha un Plan Urxente para Abordar as Listas de Espera que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas de derivación cara a centros concertados, que unicamente promoven o enriquecemento de empresas privadas”, sinalan.

“A saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención sanitaria de toda a cidadanía da Mariña”, conclúen.

Exit mobile version