Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece a maiores 600 prazas subvencionadas para tratamentos termais nos 4 balnearios da provincia

deput-termalismoO Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno a relación de balnearios que participan no Lugo Termal 2016. É a programación que potencia o benestar social e o turismo termal na provincia, ofrecendo a lucenses maiores de 55 anos un total de 600 prazas subvencionadas en ditos establecementos.

Os 4 balnearios que se sumaron ao Lugo Termal son: Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón; Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei; Hotel Balneario Guitiriz e Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas.

Así o informou o Presidente, Darío Campos Conde, que este mesmo venres asinou os respectivos convenios cos responsables destes balnearios. Fíxoo nun acto no Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas, no que estivo acompañado polo Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, e pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López.

Solicitude e distribución das prazas
A vindeira semana o Boletín Oficial da Provincia publicará a resolución do Lugo Termal 2016 polo que a Deputación abrirá o prazo de inscrición. En www.deputacionlugo.gal estará o modelo de solicitude, que os interesados terán que presentar no Rexistro Provincial. As prazas concederanse por rigorosa orde de solicitude. Estarán a disposición dos interesados ata finais de decembro.

A distribución das mesma é a seguinte: o Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas ofrecerá 30 prazas; o Hotel Balneario Augas Santas 235 prazas; o Hotel Balneario Río Pambre 100 prazas e o Hotel Balneario Guitiriz 235.

Paquetes subvencionados

Os paquetes no que se ofrecen descontos de ata 60 euros a través da subvención da Deputación de Lugo son os seguintes:

– 6 días con 5 noites de estancia, no que o día de entrada é o domingo e o de saída o venres. Son 5 pensións completas. Inclúe 8 técnicas de saúde, un recoñecemento médico á chegada, un programa de animación sociocultural de luns a xoves, asistencia especializada e programas específicos para persoas con problemas de mobilidade ou incapacidade. Todo isto por un prezo máximo de 190 euros.

– 20 técnicas terapéuticas durante 10 días, sen necesidade de estancia. Ten un prezo especial, con desconto.
– posibilidade de prolongar a estadía no balneario tras rematar o paquete subvencionado pola Deputación. Tamén cun prezo especial, con desconto.

5.000 maiores
En anteriores convocatorias, foron 5.000 os lucenses maiores de 55 anos os que se beneficiaron dos descontos da Deputación de Lugo para acceder e gozar de tratamentos terapéuticos nos balnearios da provincia.

Exit mobile version