Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña: Territorio Feijóo

Logo de rematar unha xornada electoral máis que emocionante chega o momento do balance que, no caso dos populares mariñáns, ao igual que acontece no conxunto de Galicia, convértese nun espazo para o agradecemento.

Agradecemento sincero a cada un dos preto de 20.000 veciños que co seu voto libre, democrático e contundente -polo amplo respaldo acadado- decidiron renovar a confianza na nosa formación política e no proxecto que lidera Alberto Núñez Feijóo, outorgándonos esa maioría excepcional que pedíamos.

Galicia, Lugo e A Mariña son territorio Feijóo por decisión soberana da cidadanía, expresada cun apoio que supera máis da metade dos electores e cun respaldo dous puntos por riba da porcentaxe obtida polo PP no conxunto da provincia lucense e en máis oito ao apoio acadado polos populares en Galicia.

A Mariña tinguiuse de azul, en todos os concellos, con toda contundencia, incluso naqueles nos que hoxe non temos a responsabilidade de goberno. O PP obtén 2.000 votos máis que as tres forzas parlamentarias da oposición xuntas, máis de 30 puntos de diferenza co PSOE, e máis de 40 puntos por riba de En Marea e do BNG.

Os veciños desta comarca mandaron unha mensaxe clara: confían no Equipo Feijóo para seguir camiñando, transformándose e avanzando. O domingo unha gran maioría votou pola estabilidade, pola responsabilidade e pola moderación, confiou nun proxecto que representa respecto, benestar e progreso.

Dixemos que “En Galicia Si” era posible. E foino grazas á vós. Traballaremos sen descanso para estar á altura do que este enorme caudal de confianza recibida esixe e merece. Seguiremos esforzándonos desde o Parlamento de Galicia e desde a Xunta, coa Mariña como prioridade, para materializar os compromisos adquiridos.

Jose Manuel Balseiro Orol
Deputado electo e coordinador comarcal do PP

Exit mobile version