Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia das Catedrais, escenario da rodaxe dunha serie que arrasa en China e Corea

rodaxe-catedraisRibadeo, 28 de setembro de 2016. A praia das Catedrais é escenario da rodaxe de varias secuencias dunha serie que arrasa en Corea e en China. Trátase de The legend of the blue sea. O primeiro capítulo da próxima tempada estrearase o 16 de novembro e o areal de Augas Santas chegará a millóns de persoas. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, pasaron este mércores por As Catedrais.

O rexedor, presente este mércores nesa rodaxe, declarou que “a verdade é que isto que dicimos moitas veces que a xente que ven aquí se converten en pequenos embaixadores por todo o mundo, parece que é unha realidade, que unha xente de Corea que hai un tempo estivo por aquí, fixo unhas gravacións, unhas localizacións deste espazo marabilloso e outra xente noutro extremo do mundo viuno e quixo trasladar a rodaxe dunha parte dunha serie aquí a Ribadeo, ás Catedrais. É unha honra e un orgullo para todos os galegos, para todos os da Mariña e sen dúbida para todos os de Ribadeo”.

Fernando Suárez subliñou: “estou convencido, e o que sempre dicimos que isto é algo internacional e que avogamos polo turismo internacional e pola internacionalización de todo o que temos positivo, que temos moito, é un exemplo máis de que pode ser así. Coa conservación do patrimonio, cómo se conservou, agora mesmo está sendo unha fonte cultural, pero tamén unha fonte de riqueza económica”.

O alcalde puntualizou que “cento e pico persoas que hai nestes días aquí, que dormen en Ribadeo e noutros concellos da comarca sen dúbida é un impacto económico positivo, que nos alegra moito e nos anima a seguir traballando como estamos facendo nesta liña”.

Suárez Barcia tamén se referiu ás escenas de The legend of the blue sea, que se están a rodar nas Catedrais: “están facendo unha persecución a través dun campo de millo, se tiran por un cantil e toda a imaxe marabillosa da nosa costa queda impresa no celuloide e é un reclamo máis para seguir vendendo esta terra”.

A rodaxe seguirá esta tarde e tamén durante a xornada deste xoves.

Exit mobile version