Campos anunciou que “esta nova andaina arranca con novos contidos, unha páxina web (www.memoriadixitallugo.es) máis áxil e doada de empregar polos usuarios e unha maior presenza na provincia. Con esta iniciativa poñemos as novas tecnoloxías ao servizo de todos os lucenses e reforzamos os seu labor social”.
Memoria Dixital Lugo inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos “que nos axudarán a coñecer mellor a nosa historia recente, especialmente a da primeira metade do século XX. Será un legado para as vindeiras xeracións, tanto para os lucenses como para os investigadores e os amantes da historia en xeral”.
Os lucenses, os protagonistas
Na presentación proxectáronse varios exemplos dos recordos que xa forman parte deste arquivo audiovisual. Ademais, o Presidente provincial compartiu cos veciños que asistiron ao acto os manexo de ordenadores táctiles cos que comprobaron o sinxelo que é navegar por esta páxina.
“A nosa intención é ampliar este banco no que, a través de testemuños individuais, poderemos conservar para as vindeiras xeracións o mellor tesouro dun pobo: a súa memoria colectiva”, apuntou Campos.
Como participar
O Presidente da TIC animou “a todos os lucenses, e tamén aos Concellos, asociacións e centros de maiores a que contribúan a crear este banco de recordos”. Para formar parte deste arquivo todos os interesados poderán achegarse á sede da Fundación TIC, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, ou chamar ao teléfono 982 284 6 67. Tamén poderán enviar a súa propia gravación ou fotos e documentos escaneados ao correo maiores@fundaciontic.org.
Ponte online interxeracional
A TIC tamén se desprazará por toda a provincia para atender as solicitudes dos Concellos e asociacións. Para isto contará cun equipo de titulados da Escola de Imaxe e Son. “Os nosos exalumnos de produción e realización serán os encargados de organizar os encontros e gravar os testemuños. Pero o seu labor irá máis aló: tamén ensinarán aos participantes a gravarse a si mesmos co móbil e enviar o vídeo por correo electrónico ou a escanear unha foto. Queremos, deste xeito, tender unha ponte online entre distintas xeracións”.
Unha páxina con máis contidos
Todo o material obtido publicarase na web www.memoriadixitallugo.es, unha páxina especialmente deseñada para esta nova etapa. Está dividida en: recordos, voces, imaxes e experiencias. Os testemuños distribúense en apartados relativos á nenez, mocidade, matrimonio, emigración, traballos e vida no rural, feiras e festas, Lugo máxico e outros recordos.