Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aproba o regulamento da nova Lei do solo de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta deu o visto e prace ao regulamento que desenvolve a Lei do solo, tan só seis meses despois da súa entrada en vigor, converténdonos na comunidade cunha ordenación máis completa e actualizada.

O obxectivo deste regulamento é facilitar a súa aplicación e consulta polos técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e demais persoal. Ademais, clarifica a interpretación da lei, achega seguridade xurídica e intenta ser comprensible para o cidadán medio, fixando conceptos urbanísticos homoxéneos; incorporando fichas técnicas que aclaren, por exemplo, o listado de informes necesarios para aprobar o planeamento, e engadindo cadros resumo, esquemas e gráficos.

Segundo lembrou o xefe do Executivo galego, estase a cumprir con creces o prazo que contempla a Lei, na súa disposición final quinta, para aprobar o regulamento: daba un prazo dun ano e aprobouse en medio.

O regulamento mantén o espírito de país e a vocación de permanencia da lei
Feijóo asegurou que este regulamento mantén o espírito transversal, de país e a vocación de permanencia da lei. Para acadalo, ademais de aceptar na primeira fase seis de cada dez alegacións presentadas por 32 axentes vinculados ao eido do urbanismo, tanto asociacións como institucións e particulares, na última fase tamén se atende a totalidade das 58 observacións de legalidade feitas polo Consello Consultivo, así como a meirande parte das mellores propostas.

Como sinalou o presidente da Xunta, trátase da primeira Lei do solo da historia de Galicia con regulamento propio. Deste xeito, engloba nun só documento, elaborado integramente en Galicia, os tres regulamentos que se aplicaban na anterior Lei: os regulamentos de xestión e planeamento eran de eido estatal e levaban 38 anos en vigor, e o regulamento de disciplina, que era galego, do ano 1999.

Segundo asegurou, a Xunta sigue dando pasos para que Galicia teña unha ordenación clara, eficaz e de consenso. Neste senso, lembrou que a Lei do Solo é unha das máis importantes da lexislatura, con vocación de permanencia e que estende as vantaxes do planeamento a todos os concellos e revitaliza o rural. Do mesmo xeito, promove a participación activa da cidadanía a través do Rexistro de Planeamento e da Plataforma Urbanística de Galicia; pon menos trabas sen reducir o control; axiliza e simplifica o proceso administrativo, reducindo en máis da metade o prazo medio de tramitación dun Plan Xeral; impulsa a rehabilitación para poñer o patrimonio a punto e frea o abandono do rural; e defende a paisaxe galega.

Exit mobile version