Lugo, 19 de setembro de 2016.- O candidato lucense do PSdeG-PSOE, Luis Álvarez, reprobou nun acto en A Pontenova a xestión nefasta do Goberno de Feijóo na provincia, falando dun abandono e retallo dos servizos públicos, especialmente para os máis maiores. Traendo a colación o incumprimento, feito público polos medios de comunicación, da ratio recomendada pola OMS no que atinxe ás residencias e centros de día para a terceira idade, desde o PSdeG trasladan o seu “total desacordo coas políticas de desleixo do Partido Popular de cara aos servizos públicos, vulnerando os dereitos das persoas maiores como consecuencia da súa tendencia crónica á privatización”, comentaron.
O candidato socialista afirmou que “este é un dos moitos motivos polos que a Xunta trata aos lucenses como cidadáns de terceira, posto que non se crean prazas públicas na provincia desde a década dos 70”, aseverou, compartindo “un malestar que levamos arrastrando moitos anos, desde que Feijóo comezou a dilapidar os fondos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar creado polo goberno socialista de Touriño”. Dita entidade foi creada co obxectivo de establecer convenios con outras administracións para ofrecer servizos públicos, pero baixo criterio dos socialistas, “a Feijóo non lle interesa fortalecer esta rede de colaboración pública para dignificar a vida das persoas, especialmente na última etapa da súa vida”.
Como conclusión, os socialistas censuraron “o maltrato e olvido que sufre esta provincia, unha das máis envellecidas, con maior despoboamento e coas pensións medias máis baixas de España”, para a que o Partido Popular “solo fai plans de futuro en base aos seus intereses, os intereses dunha dereita totalmente allea ás condicións de vida dos veciños e veciñas”.