Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG: “Para rematar co estrangulamento orzamentario da sanidade pública, favorecer a atención sanitaria de proximidade, e recuperar a xestión sanitaria comarcal hai que apartar ao PP do goberno galego”

bng-marinaA Mariña, 16 de setembro de 2016. Olalla Rodil e Montse Porteiro participaron este venres nunha reunión coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa. Á saída da xuntanza afirmaron que o que sucede coa sanidade pública na Mariña é paradigmático na política de desmantelamento, privatización e centralización provincial do sistema sanitario público galego polo que é fundamental apartar ao Partido Popular do goberno galego. As candidatas do BNG – NÓS tamén se reuniron coa Plataforma pola Residencia da Terceira Idade de Ribadeo, onde se mostra un exemplo claro do caciquismo e sectarismo do PP coa negativa a apoiar a un concello posta en servizo dun servizo social necesario e xustificado polo simple feito de non contar cun goberno municipal da súa cor política.

As candidatas número un e tres do BNG –NÓS candidatura galega pola circunscrición de Lugo reuníronse a última hora da mañá coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa en Burela. Olalla Rodil afirmou que “a formación nacionalista revisará todo o modelo sanitario do PP paralizando as privatizacións, comarcalizando a xestión sanitaria, impulsando o sistema de atención primaria, e dotando orzamentariamente o sistema de mais recursos e persoal para atender as necesidades da poboación”.

As candidatas nacionalistas explicaron algúns puntos do programa da formación, mostrando a intención do BNG –NÓS garantir a transparencia do sistema no caso das listas de agarda, acabar cos copagos sanitarios, eliminar o peche de camas en determinadas épocas do ano, aprobar un plan integral de saúde da muller ou un código de prevención do suicidio.

“É evidente que o Hospital da Costa deber ser ampliado, pero ampliando os servizos sanitarios, non o aparcamento que acabarán privatizando. Non é de recibo que se nos fale de ampliación cando nin sequera está prevista un equipo de resonancia magnética fixa e seguirase facendo cunha móbil cando cadra”, afirmou Montse Porteiro.

Residencia da terceira idade en Ribadeo
Pola tarde as candidatas nacionalistas reuníronse con integrantes da Plataforma pola Residencia da terceira idade de Ribadeo que levan traballando fai anos pola posta en marcha dunha nova instalación pola saturación da existente. O caso de Ribadeo con esta demanda social e a negativa da Xunta a colaborar na súa construción na que o concello so contou coa axuda económica do BNG no goberno da Deputación, é mostra do sectarismo e a política caciquil do PP, que financia ao 100% residencias que non se abren como a de Cervo, e nega toda colaboración en concellos onde non goberna como o caso de Ribadeo.

Exit mobile version