Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle a Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste

Burela acollerá a próxima semana a segunda Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste, na que participan representantes das Federacións de Confrarías de Guipúscoa, Biscaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta Xornada Técnica, que se celebra no Hotel Nordés (Burela) o vindeiro luns 12 e martes 13 de setembro, para reflexionar sobre temas de interese das frotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro.

A apertura do encontro terá lugar ás 16.00 horas do luns día 12 e durante esa tarde os representantes das oito Federacións de Confrarías manterán unha Xornada Técnica onde se fará unha revisión das conclusións da primeira Interfederativa, que se celebrou en Burela en setembro de 2015, e abordaranse diferentes temas de xestión da Política Pesqueira Común, normativas en fase de aprobación e outras oportunidades no contexto do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Na mañá do martes 13 organízase unha reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico. Está prevista a asistencia do Director Xeral de Ordenación Pesqueira da Secretaría Xeral de Pesca (MAGRAMA) e os Directores de Pesca das Comunidades Autónomas do Cantábrico: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.

A partir das 13.00 horas terá lugar a clausura do evento, que correrá a cargo de Carlos Larrañaga, Director Xeral de Ordenación Pesqueira da Secretaría Xeral de Pesca, na que fará unha exposición sobre “O Programa Operativo Español 2014-2020”, que regulará a execución dos fondos estruturais ata o ano 2020. No acto de clausura estará acompañado polo Alcalde de Burela e os directores de pesca das Comunidades Autónomas, así como as principais organizacións pesqueiras da provincia de Lugo, que acompañarán aos representantes dos depósitos de todo o norte de España.

Exit mobile version