Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde: “Galicia lidera os apoios a autónomos e emprendedores e queremos que continúe así no futuro”

Sábado 10 de setembro de 2016.- O cabeza de lista pola provincia de Lugo, Francisco Conde, acompañado da presidenta dos populares lucenses, Elena Candia e do portavoz do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, ademais doutros membros da candidatura lucense, participaron onte nun almorzo informativo con integrantes da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE-Lugo), capitaneados por Juan Manuel López Labrada.

No marco deste foro empresarial Francisco Conde confirmou que o colectivo de emprendedores e autónomos seguirá a ser destinatario dos apoios preferentes da Xunta, de manter o PP a responsabilidade de goberno, e perfilou as propostas programáticas nesta ámbito indicando que o principal obxectivo é focalizar futuros apoios en catro ámbitos específicos: en alixerar as cargas sociais e burocráticas, en manter e ampliar os incentivos á contratación, no fomento da formación e do relevo xeracional, e en poñer en marchas medidas para apostar pola innovación e, nomeadamente, pola integración nas empresas de novas tecnoloxías.

LIDERADO NO APOIO AOS AUTÓNOMOS
“Galicia foi a comunidade autónoma española que destina máis fondos en apoio dos autónomos e seguiremos avanzando neste obxectivo”-indicou Conde tras lembrar que, desde que o PPdeG accedeu á responsabilidade de Goberno autonómico, no ano 2009, 31.000 autónomos beneficiáronse das axudas da Xunta, con achegas que superan o 230 millóns.

Como aspecto concreto para os emprendedores máis novos, Conde lembrou que se seguirá subvencionando durante un ano a afiliación á Seguridade Social dos menores de 30 anos que se establezan como autónomos e esténdese ao segundo e terceiro traballador as axudas para a contratación indefinida

GALICIA SEGUE CRECENDO
Conde explicou tamén que o Goberno galego vén de aprobar unha actualización do cadro macroeconómico, que prevé que o crecemento de Galicia en 2016 elevarase ata o 3%. As previsións para o próximo ano 2017 apuntan a que o crecemento se consolidará.

Esta evolución da economía tamén permite actualizar as previsións sobre o emprego, que contemplan que Galicia acabe o ano cunha taxa de desemprego do 17,4%, un punto menos do previsto, mentres que en 2017 seguirá baixando ata o 15,6%. Nos dous anos Galicia seguirá tendo unha taxa de paro menor que a media de España.

CANDIA: O FUTURO DEPENDE DE VÓS
Pola súa banda, Elena Candia, presidenta provincial dos populares lucenses comezou dicindo que “o futuro depende de vós” destacando, deste xeito, o importantísimo papel que xogan os novos empresarios no ámbito social, económico e laboral da provincia, para rematar indicando que a mellor estratexia para que Galicia siga a ser un lugar atractivo para investir é “garantir a estabilidade e un goberno que xere confianza, como o que lidera Alberto Núñez Feijóo”.

“Durante estes quince días de campaña, vamos a pedirlles aos galegos, unir forzas nun proxecto común, o que lidera Alberto Núñez Feijóo, porque merece a pena que Galicia sexa unha excepción, que en Galicia teñamos un goberno cunha renovada maioría”- dixxo Elena Candia

SUSPENDIDA A CAMPAÑA
Logo da celebración deste almorzo e tras coñecerse as primeiras informacións sobre o desenlace do tráxico accidente ferroviario en O Porriño (Pontevedra) os populares deron por suspendidos todos os actos de campaña en sinal de dor, solidariedade e respecto polos falecidos e feridos en tan tráxico acontecemento.

Exit mobile version