Francisco Conde asegura que o sector empresarial fixo un “gran esforzo para defender cada posto de traballo, para modernizarse, para seguir traballando con innovación e con calidade e para responder a situacións de dificultade e de maior competencia nos mercados”. Así, en Galicia estanse a crear 14 empresas diarias e as exportacións galegas medran máis do dobre que no conxunto de España, un 6,4 fronte ao 2,4 estatal.
Conde, acompañado doutros candidatos populares, recorreu esta mañá as instalacións de Magnesitas de Rubián, situada en Vila de Mouros (O Incio) onde se explota desde 1963 un xacemento de magnesita caústica dos maiores de Europa, e que ten unha forte compoñente exportadora, ao producir un mineral que atopa unha “moi boa saída no mercado europeo”.
Conde destacou na súa visita a aposta pola eficiencia enerxética e polo I+D, así como a colaboración con centros de coñecemento como o Laboratorio de Sanidade Animal ou o Laboratorio de Mouriscade.
A compañía é un modelo en aspectos como a integración ambiental e a integración social, e é unha empresa tecnoloxicamente avanzada, cunha mina subterránea exemplar en seguridade e mecanización.
“O tecido produtivo é cada vez máis forte, respondendo aos novos retos. O sector aeronáutico, o sector do aluminio, da biomasa, da biotecnoloxía, o agroalimentario, o forestal, o lácteo, conforman un mapa moi rico, moi diversificado, que está xerando emprego e mostra diso son as empresas que visitamos hoxe”.
Pola tarde, os populares visitarán outras dúas compañías que deixan de manifesto que apostar pola calidade e pola innovación xera en Lugo e en Galicia crecemento económico e axuda a ser máis competitivos: en Riotorto, Mobles Vidal S.L. e en Alfoz Carrocerías Hermanos Rega.
Mobles Vidal comezou o seu labor en 1953 cunhas instalacións ao carón da súa casa e co tempo modernizaron súa maquinaria tecnoloxicamente, logrando ampliar os seus mercados a outras comunidades autónomas.