Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituído o Club de Atletismo Ría de Foz

O venres, día 9 de setembro, ás 20.00 horas no Colexio Martínez Otero tivo lugar a Asemblea Constituínte do Club de Atletismo “Ría de Foz”. Nesta xuntanza, que foi aberta, congregouse unha trintena de interesados no proxecto e nela puxéronse os primeiros piares do Club.

A Asemblea ratificou o nome e o escudo do Club e, ao mesmo tempo, escolleu a equipación coa que o “Ría de Foz” competirá nas diferentes modalidades.

A aprobación dos Estatutos produciuse pola totalidade dos alí presentes ao igual que maioritaria foi a confianza depositada na primeira Xunta Directiva, que coordinará o Club neste primeiro período. Os alí presentes escolleron a Manuel Eiras como Presidente, a Marcos Loureiro como Secretario, a Antón Leitón como Tesoureiro e a Rosalía Rodríguez-Gigirey como vocal.

Na Asemblea sinalouse que o “Ría de Foz” pretende ser un espazo de encontro para todos os focegos e focegas amantes das diferentes disciplinas do atletismo. Neste proxecto quérese contar con todos os perfís, e con todas as idades, para encher un baleiro existente na nosa vila ata o día de hoxe. Ademais, o Club quere continuar o traballo que base que xa se está a facer nalgún dos Colexios da vila e así posibilitar que a mocidade focega poida practicar o atletismo sen ter que saír da súa vila para facelo.

A vontade de diálogo do “Ría de Foz” será unha das máximas neste primeiro período xa que se falará coas diferentes entidades locais (Concello, Colexios, Clubs Deportivos…) de cara a espallar o proxecto e aumentar así a base social. Na Asemblea recalcouse, tamén, que o Club nace coa vontade de sumar tendendo así a man a futuras colaboracións cos diferentes clubs deportivos existentes na comarca da Mariña.

Exit mobile version