Toda esta situación relatámola nun escrito de alegación presentado perante a Xunta Electoral de Zona e esta resolveu: “non escusalo da obriga de formar parte da mesa electoral por non estar o alegado entre os supostos de escusa (reflexados na instrucción 6/2011 da JEC)”.
Á vista do exposto, eu quero facer publicamente unha serie de preguntas á Xunta de Galicia:
Por que a Xunta de Galicia pon transporte de balde para levar o electorado aos colexios no día 25 de setembro e non paga o importe do billete de autobús ao electorado que a propia Administración obriga a presentarse como membro suplente? Por que esa desigualdade, esa diferenza de trato?
Por que a Xunta pon transporte de balde para ir votar e non se lembra dese mesmo electorado facilitando un transporte público un día á semana para acudir ás vilas facer xestións habituais (consultas médicas programadas non urxentes, farmacia, xestións municipais, etc..?).
Por que a Xunta pon transporte de balde para ir votar e nega o pagamento do transporte cando unha persoa ten que desprazarse por razón de saúde desde o hospital da sua área sanitaria a un hospital de referencia dentro da mesma provincia?
Por que a clase política cando se despraza para “cumprir co seu deber” como representante da cidadanía ten o transporte gratuito ou lle pagan os gastos -mesmo en avión, e non precisamente en clase turista- e á cidadanía que a Administración Electoral obriga a acudir como suplente para ”cumprir con este deber” (segundo reflicte o manual de instruccións para os membros das mesas electorais) non lle reintegran o importe do transporte, aínda que este gasto imprevisto lle ocasione un trastorno para a sua precaria economía?
Pido ás persoas que se dedican á política que reflexionen sobre esta inxustiza, sobre esta discriminación relacionada co proceso electoral. Confío en que a democracia vaia medrando, se vaia enriquecendo en tratos de igualdade cara á cidadanía. Con atropelos como este, a democracia, no canto de medrar, reve.
C. Fernández