Site icon Crónica3.com A Mariña

Encontro dos candidatos de En Marea con sindicatos da provincia

LUGO, 12 DE SETEMBRO DE 2016. Este luns Víctor Álvarez e Iñaki García, números tres e trece da lista de En Marea por Lugo, tiveron unha xuntanza ao mediodía no edificio sindical con representantes dos sindicatos UGT, CCOO, CIG, Fruga e SLG. O devandito encontro permitíu un intercambio de impresións acerca da situación actual a nivel laboral, así como as posibles medidas a tomar para reverter a situación actual.

Na súa intervención inicial, Víctor Álvarez indicou que a finalidade da xuntanza non era trasladar unha serie de eslóganes e promesas electorales, senón escoitar as inquedanzas das e dos representantes sindicais dende a súa experiencia profesional, e expór o que pode aportar un goberno progresista coma o de En Marea nesta materia.

As distintas organizacións sindicais coincidiron en que é preciso derogar as derradeiras reformas laborais e apuntalar os dereitos das traballadoras e traballadores. Neste aspecto, indicaron que é imprescindible esixir dende as diferentes administracións o cumprimento dos convenios colectivos e dereitos laborais nas empresas de servizos privatizados, o control férreo das condicións de traballo e garantir o soldo digno que erradique a situación de pobreza que están a vivir moitos traballadores e traballadoras.

O balance da reunión foi moi positivo tanto para os candidatos de En Marea como para os sindicatos que participaron nela, e ambas partes coincidiron na importancia de manter xuntanzas periódicas entre as forzas políticas e as organizacións sindicais para garantir a seguridade laboral e as condicións de traballo dignas para as galegas e galegos.

Exit mobile version