Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres rematou en Ribadeo o V fórum de innovación e formación sobre vehículos, organizado por APAGA

Ribadeo, 2 de setembro de 2016. Rematou en Ribadeo o V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organizou Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). O seu presidente, Álvaro Doural, fai un balance positivo do evento ao que acudiron 65 participantes e máis de 30 poñentes e no que estiveron unha vintena de empresas vinculadas ao mundo da automoción.

Dentro deste V Fórum celebrouse onte a última hora a asemblea xeral de Apaga. Doural explicou que “se fixo un informe económico do exercicio 2015 e tamén se falou de todo o tema europeo, dun novo proxecto que se vai solicitar neste mes e doutras accións, como a posible continuidade dos fins de semana tecnolóxicos. Tamén se acordou subir as cotas 10 euros, para que cada socio teña unha cota anual de 30 euros”. E engadiu que “vamos solicitar un proxecto de mobilidade para alumnos e para profesores. Trátase dunha convocatoria que saíu recentemente e entón vaise intentar aproveitar para ampliar a estrutura europea que temos neste momento na asociación”. Apaga conta con 101 socios, a súa maioría de Galicia, pero tamén os hai doutras rexións.

Sobre o V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos Álvaro Doural fixo un balance positivo: “creo que o balance é moi positivo, pero foron unhas xornadas moi intensas de traballo. Primeiro hai que felicitar aos participantes porque verdadeiramente o ritmo de traballo foi tremendo, pero hai que resaltar tamén os relatorios presentados que tiveron unha elevada calidade pois tratábase de xente sumamente contrastada. Estamos con gañas de seguir, aínda que sempre se producen algunhas situacións que intentaremos mellorar”.

O presidente de Apaga pensa que “a xente marcha moi contenta. Trátase de persoas que veñen costeando a súa estancia en Ribadeo, que non van ter desgraciadamente o recoñecemento oficial da Consellería de Educación, o que me parece unha gran inxustiza, pero veñen con gañas de aprender, moi motivados e con gañas de traballar verdadeiramente pola Formación Profesional. Esperamos que algún día se lles recoñeza todo este traballo”.

Exit mobile version